O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na inauguración da 12ª edición desta feira de emprendemento pontevedresa, apoiada pola Xunta de Galicia

Pola tarde, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentará no marco do evento unha nova sesión do proxecto autonómico ‘O camiño do emprendemento musical’, dirixido á mocidade interesada neste sector

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na inauguración da 12ª edición da feira de emprendemento Pont-Up Store, apoiada pola Xunta de Galicia e que se celebra en Pontevedra ata mañá sábado cun completo programa de actividades centradas nas tendencias do ecosistema emprendedor.

Fernández destacou a importancia de fomentar novas vocacións emprendedoras e sinalou que eventos como este contribúen a consolidar o ecosistema, xerar sinerxías e impulsar proxectos innovadores. Ademais, salientou o peso da economía social no evento e indicou que se trata dunha fórmula idónea para canalizar vocacións emprendedoras. Neste contexto, destacou que a Xunta organiza, no marco da Rede Eusumo, a actividade As cooperativas inspírannos, que propón a creación dun mural que reflicta os valores do cooperativismo ao longo de toda a xornada de hoxe e mañá.

Emprendemento ligado ás industrias culturais

Ademais, esta tarde, Pablo Fernández, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentará no marco do evento o proxecto autonómico O camiño do emprendemento musical, dirixido á mocidade interesada en desenvolver a súa carreira no sector musical. A través desta actividade, profesionais de distintas disciplinas compartirán experiencias, talento e visión sobre como transformar a música e a creatividade en oportunidades de emprendemento. Na sesión participarán artistas como Lola Bozzano e Muiños, así como profesionais do sector musical como Quique Fernández, de Cega Audiovisuais, e José Patiño, do festival Wake Up.

Loading...