A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego apuntou nun encontro con gandeiros en Arzúa que esta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galicia Retorna, busca fomentar o regreso de galegos e galegas e, ao tempo, cubrir vacantes

Zeltia Lado lembrou que a presente edición do programa fai especial fincapé na selección das candidaturas que responden aos perfís concretos que requiren as empresas, co fin de obter resultados axustados á realidade de cada contorna

Tamén incorpora novidades como as axudas para facilitar ás persoas que regresan o acceso ao alugueiro dunha vivenda, que se completará cunha orde específica para rehabilitar inmobles co gallo de poñelos á súa disposición, tamén mediante aluguer

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, reuniuse hoxe en Arzúa cun grupo de gandeiros e gandeiras nun novo encontro impulsado pola Xunta para abordar as súas necesidades de man de obra e as vantaxes que ofrece o programa Retorna Cualifica Emprego para que poidan cubrilas. Enmarcada na Estratexia Galicia Retorna, Lado sinalou que a iniciativa permitiu xa a contratación dunhas 320 persoas de máis de 20 países, que están traballando en sectores como o agrogandeiro, e tamén noutros como a hostalaría, a industria, a construción, o comercio ou os servizos.

Deste xeito, a directora xeral puxo en valor que o Retorna Cualifica Emprego busca fomentar o retorno da comunidade galega no exterior ofrecéndolle unha acollida integral —tanto a nivel laboral como persoal e familiar— e, ao mesmo tempo, cubrir as vacantes existentes. En concreto, facilítase o regreso de galegos e galegas menores de 55 anos mediante postos de traballo estables. Para que as contratacións sexan posibles, cásanse estes perfís laborais coas necesidades que trasladan as empresas adheridas ao programa, seguindo o modelo de captación de talento ordenado, planificado e integral que está a potenciar o Goberno autonómico. Así, segundo recalcou a representante da Xunta, lógrase obter resultados axustados á realidade tanto de cada territorio como das empresas que demandan man de obra.

Na xuntanza, a directora xeral animou aos representantes do sector gandeiro que o precisen a sumarse a esta iniciativa, que na presente edición incorpora novidades como as axudas para facilitar ás persoas que regresan a Galicia o acceso ao alugueiro dunha vivenda. A maiores, engadiu que se está a preparar unha orde específica para rehabilitar inmobles co gallo de poñelos logo a disposición —tamén a través do aluguer— das galegas e galegos retornados que volven con contrato de traballo.

O Retorna Cualifica Emprego en cifras

O programa Retorna Cualifica Emprego é unha das accións do plan de atracción de talento que desenvolve a Xunta co foco na comunidade galega do exterior e tamén con medidas para traballadores de terceiros países.

Cómpre sinalar que, este ano, ao abeiro do Retorna Cualifica Emprego, o Executivo autonómico desenvolveu accións como as feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai celebradas en marzo e ás que asistiron 3.500 persoas, contando a participación de cinco clústeres e dunha vintena de empresas de sectores estratéxicos.

Loading...