José González louvou o labor fundamental dos servizos de orientación laboral como o desta asociación, apoiado pola Xunta e clave para acompañar as persoas con dano cerebral no seu proceso de inserción mediante itinerarios individualizados
Destacou a importancia destas xuntanzas para escoitar, de primeira man, as necesidades das entidades e seguir traballando da súa man no deseño de políticas e recursos que melloren a empregabilidade deste colectivo
Ademais, remarcou a importancia de sensibilizar ao tecido económico sobre a responsabilidade social corporativa e o valor de contratar persoas con discapacidade
Destacou tamén que o apoio ao emprego inclusivo se reforza a través da Estratexia Galega de Economía Social, con medidas como as axudas aos centros especiais de emprego ou o compromiso de contratación pública reservada do 6 %
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou esta mañá as instalacións da Asociación Dano Cerebral de Santiago de Compostela co obxectivo de coñecer, de primeira man, o labor da entidade e, en particular, do servizo de orientación laboral que presta co apoio da Xunta.
Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado polo presidente e a directora da asociación, Luciano Fernández e Rocío García, respectivamente, e outros membros da directiva e da entidade, así como da directora de Dano Cerebral Galicia, Leticia Vila. Alí José González sinalou que este encontro se enmarca na vontade do Goberno galego de escoitar directamente as necesidades de entidades sociais para seguir traballando da man no deseño de políticas e recursos que atendan mellor a realidade laboral deste colectivo e, en xeral, das persoas con discapacidade.
González fixo fincapé en que a prioridade da Xunta é avanzar cara a un emprego inclusivo, estable e de calidade que non deixe a ninguén atrás. Neste sentido, louvou o labor fundamental que realizan servizos de orientación laboral como o da Asociación Dano Cerebral de Santiago, clave para acompañar ás persoas no seu proceso de inserción mediante itinerarios individualizados e especializados.
Cómpre sinalar que este programa —que conta co apoio da Xunta a través das axudas específicas para a contratación de persoal de orientación laboral en concellos e entidades sen ánimo de lucro, cun orzamento de 8,5 millóns de euros en 2025— abrangue aspectos fundamentais como a definición do perfil e do obxectivo profesional segundo as capacidades e intereses de cada persoa, a elaboración do currículo, a formación en técnicas de procura activa de emprego e a preparación efectiva das entrevistas de traballo. Ademais, ofrece asesoramento en trámites vencellados á inserción laboral e apoio na adaptación do posto e no proceso de incorporación á empresa.
O titular de Emprego salientou tamén a importancia de reforzar a colaboración coas entidades sociais para abrir máis oportunidades e mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión, e remarcou a necesidade de seguir sensibilizando ao tecido económico galego sobre a responsabilidade social corporativa e sobre o impacto positivo de contratar persoas con discapacidade, co obxectivo de que cada vez máis empresas se sumen a este compromiso.

Aposta pola economía social
José González subliñou igualmente o compromiso da Xunta coa economía social como motor de inclusión, innovación e cohesión territorial. Destacou especialmente a Estratexia Galega de Economía Social, que reúne múltiples medidas de apoio ao sector, entre elas as liñas de axuda dirixidas aos centros especiais de emprego. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego destina este ano máis de 27 millóns de euros a apoiar estes centros nunha orde unificada que inclúe tamén ás empresas de inserción. Estas axudas beneficiarán máis de 7.000 persoas traballadoras con discapacidade e permitirán crear 300 novos postos de traballo de carácter indefinido, consolidando así un modelo baseado na responsabilidade social, a inclusión e a igualdade de oportunidades.
Ademais, reiterou o compromiso da Xunta de reservar o 6 % dos contratos menores e abertos simplificados en determinados servizos a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, reforzando deste xeito a empregabilidade das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.