A delegada da Xunta participou na clausura deste taller de formación que contou cun apoio do Goberno galego de máis 423.000 euros e no que participaron 20 alumnas e alumnos
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na clausura do obradoiro de emprego de Vilarmaior, compartido con Irixoa, Aranga e Monfero. No acto tamén estiveron presentes alcaldes dos municipios participantes.
No taller de formación Obradoiro Forestal Lambre-Mandeo 2024, formáronse a 20 alumnos nunha especialidade con alta demanda de emprego nas empresas da contorna como é actividades auxiliares en conservación e mellora da montes.
Concretamente, o alumnado levou a cabo 18 intervencións nos catro concellos. En Aranga actuouse na área forestal do Mirador do Vieiro, na área recreativa Ponte-Aranga e no centro deportivo do Concello. En Irixoa actuouse en tres rutas forestais (Veiga do Mandeo-Xielas, Xielas-Ambalasaugas e As Pías-Zarzo), e nas áreas da Viña e da Graña e do Pazo de Irixoa. En Monfero mellorouse a área verde forestal perimetral do Monasterio de Monfero e finalmente en Vilarmaior os alumnos limparon as áreas recreativas da senda fluvial do Muíño das Ferreñas, da Armada, das Torres, de O Tres, Doroña, Grandal e a área social da Casa da Cultura.
Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo – incidiu – é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación recibida para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque estades preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.
Obradoiros 24-25
A representante do Goberno autonómico informou que na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9,3 millóns de euros para formar 440 persoas sen traballo. Concretamente, na comarca de Betanzos realizáronse 3 obradoiros, Vilarmaior (Aranga, Irixoa e Monfero); Abegondo (Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada) e Betanzos con Coirós cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros.
Finalmente, Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.
Na convocatoria de 2024-2025, ofrecéronse 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna. O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, obtén un certificado de profesionalidade.
A Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado. Priorízase a atención a persoas con especiais dificultades de inserción, como retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e persoas con diversidade funcional e ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios, na formación forestal (como o caso de hoxe) ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.
Belén do Campo destacou a importancia de ir da man das entidades locais para impulsar formación teórico-práctica, contribuíndo a mellorar a empregabilidade e prestando atención ás necesidades de cada contorna.