A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na inauguración do acto de clausura deste PIE, cunha achega do Goberno galego de 220.000 euros que permitiu formar un cento de persoas
Ademais de recibir nocións sobre busca de emprego tanto por conta allea como propia, realizaron itinerarios específicos sobre xestión loxística, hostalaría, atención en comercios, limpeza ou comercialización e venda de produtos frescos
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participará na clausura da xornada
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na inauguración da xornada de clausura do programa integrado de emprego (PIE) impulsado polo Concello de Ferrol, que contou cunha achega autonómica de 220.000 euros en beneficio dun cento de persoas. Unhas persoas que recibiron formación para atopar un emprego, tanto por conta allea como propia, en sectores de especial demanda na comarca de Ferrolterra.
A directora xeral destacou que o PIE pon o foco nas persoas desempregadas de colectivos prioritarios como as mulleres, menores de 30 anos ou maiores de 45, parados de longa duración, inmigrantes, persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero, co obxectivo de acadar a inserción dun mínimo do 45 %.
Segundo salientou Lado, a formación transversal promovida polo Concello de Ferrol durante 12 meses, idéntica para todos os participantes, centrouse no desenvolvemento de accións dirixidas á busca de emprego ou ao fomento da capacidade emprendedora, en técnicas de coaching e intelixencia emocional ou en obradoiros de mobilidade laboral. Ademais, os técnicos realizan busca e prospección de empresas para a realización de prácticas profesionais e canalización de ofertas de traballo.
Isto completouse con formacións específicas de interese para a contorna, neste caso, de xestión loxística e de almacén, de dependente de establecementos comerciais, de auxiliar de reposición e caixa, de hostalaría e de técnicas de limpeza. Tamén arredor da comercialización e venda de produtos de carnizaría ou peixaría e de actividades básicas nas seccións de panadaría, charcutaría e froitaría.
Cómpre engadir que a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participará na clausura desta xornada, onde se pon de relevo que os PIE contribúen a aproveitar as oportunidades laborais existentes nas respectivas contornas en sectores con crecente demanda de perfís profesionais, acompañando as persoas que actualmente están en situación de busca activa de emprego para aumentar as súas capacidades e a súa empregabilidade.