O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto co director de Turismo, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o obradoiro de Sarah-Jane Borcuk Cardoso e Lalo Gesteira Martíns, inscrito en Artesanía de Galicia

Gabriel Alén puxo en valor esta iniciativa, especializada en traballos en madeira e pirogravado, e destacou que o proxecto contou co asesoramento do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Barco

Subliñou tamén o apoio da Xunta en materia de modernización e dixitalización, no marco das liñas específicas deste ano para o sector comercial e artesán, reforzando así a súa competitividade e capacidade de adaptación ás demandas do mercado

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, achegouse ata o lugar de Viloira, no Barco de Valdeorras, para visitar o obradoiro Artesanía Enxebre de Valdeorras, inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Alén destacou a importancia deste obradoiro —especializado na madeira e no pirogravado— como exemplo de autoemprego e de emprendemento mozo no ámbito rural, que contou ademais co asesoramento do Polo de emprendemento do Barco.

Durante a súa visita, Alén resaltou as diferentes iniciativas da Xunta destinadas a apoiar e consolidar o sector artesán galego como unha actividade económica clave para fixar a poboación e dinamizar o territorio, xa que en moitas ocasións os profesionais da artesanía desenvolven o seu traballo no ámbito rural ou en pequenos núcleos de poboación. Entre elas, destacan as medidas específicas centradas na remuda do tecido artesán, entre as que destacan o impulso de bolsas de aprendices complementarias á iniciativa Aprender da tradición, un programa pioneiro promovido pola Xunta desde 2023 co obxectivo de recuperar e transmitir técnicas tradicionais e de atraer novos talentos.

Artesanía Enxebre de Valdeorras está formado polos artesáns Sarah-Jane Borcuk Cardoso e Lalo Gesteira Martíns que dende o ano 2020 forman parte de Artesanía de Galicia. O taller está especializado no traballo da madeira e na técnica do pirogravado, e traballan con materiais reciclados e madeiras de proximidade para elaborar as súas pezas. Ademais, este obradoiro contou tamén co apoio da Xunta en materia de modernización e dixitalización no marco dos apoios específicos deste ano ao sector comercial e artesán, reforzando así a súa capacidade competitiva e de adaptación ás novas demandas do mercado.

A finais do mes de agosto, Artesanía Enxebre de Valdeorras participou no evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, un evento de comercialización e divulgación do produto artesán galego e dos oficios artesanais que tivo lugar no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober).

 

Loading...