A delegada territorial da Xunta clausurou a última edición do curso financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 423.119 euros

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este venres o obradoiro dual Polo mar de Redondela que formou durante o último ano a 20 persoas desempregadas e que tamén permitiu recuperar o histórico bote Manuel cunha achega de 423.119 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

A representante autonómica, que estivo acompañada pola alcaldesa, Digna Rivas, participou na entrega dos diplomas que acreditan aos participantes no obradoiro. Durante os últimos nove meses, o alumnado levou a cabo por unha banda a formación en materia de xardinería, forestal e agricultura ecolóxica a través de actuacións na contorna dos xacementos arqueolóxicos Monte Penide e na Área Recreativa, no Camiño de Santiago en Coto do Gran-Saxamonde e no río Pexegueiro. Tamén traballaron no axardinamento do parque Skate Chapela, no cultivo e mantemento no viveiro e na horta ecolóxica da Finca Pousadouro e nos xardíns Leira da xunqueira, Xeneral Rubín, as rotondas de Rande e Cedeira e os xardíns Regojo.

Por outra banda, recibiron formación innovadora na de carpintería de ribeira, mediante os traballos a realizar na posta en valor do emblemático bote Manuel, embarcación que responde á tipoloxía máis estendida na enseada de San Simón e que data de finais dos anos 30 do século pasado. Igualmente, levaron a cabo a instalación da porta corrediza do Centro Cultural Saxamonde e colocaron as portas do Torre Pousadouro, a tarima da aula polivalente do Multiusos de Chapela e as contraventás da Casa dos Mestres.

Loading...