José González entregou o galardón a Grupo Intaf, empresa premiada esta edición no evento organizado polas cámaras de comercio da Coruña e Santiago en colaboración coa de España e que agora participará no Premio Nacional Pyme del Año 2025

González destacou o valor destes recoñecementos, que salientan o traballo das pequenas e medianas empresas da provincia, claves na xeración de riqueza local e cunha achega destacada tamén do sector comercial

O conselleiro reiterou o peso das pemes no tecido produtivo galego e insistiu na necesidade de que o Goberno aborde no marco do Diálogo Social retos que afectan á súa competitividade como a redución da xornada laboral

Así mesmo, sinalou a aposta da Xunta por ir da man das pemes ante desafíos como a cobertura de vacantes, con medidas estratéxicas como o futuro decreto de microcredenciais para o traballo, actualmente en trámite de audiencia pública

Puxo en valor tamén o papel das cámaras de comercio, das que sinalou que son actores centrais na colaboración público-privada e referentes en asesoramento, formación, apoio ao emprendemento, promoción exterior e internacionalización

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, clausurou esta mañá o acto de entrega de galardóns da IX edición do Premio Peme do Ano A Coruña 2025, concedido polas cámaras de comercio da Coruña e Santiago e o Banco Santander, en colaboración coa Cámara de España. Estes premios recoñecen o labor das pequenas e medianas empresas da provincia, cuxa actividade resulta fundamental para a creación de emprego e a xeración de riqueza a nivel local, cunha achega destacada tamén do sector comercial.

O conselleiro foi o encargado de entregar o galardón principal, que este ano recaeu na empresa Grupo Intaf, candidata agora ao Premio Nacional Pyme del Año 2025, que se fallará no primeiro trimestre de 2026. Durante a súa intervención, José González salientou o valor dun acto que pon en relevo o talento, a capacidade de adaptación e a visión estratéxica das pemes que, segundo sinalou, son elementos clave do tecido empresarial de Galicia e da dinamización económica territorial.

Nese sentido, reiterou o compromiso da Xunta como administración facilitadora, reducindo trabas burocráticas e acompañando ás pemes nos desafíos que afrontan no mercado laboral, como a cobertura de vacantes, a remuda xeracional ou a atracción de talento, e sempre no marco do Diálogo Social. Engadiu que este diálogo é a mellor ferramenta para construír consensos sólidos e dar resposta á realidade das pequenas e medianas empresas, que representan un peso decisivo no tecido produtivo galego. Ao tempo, advertiu a falta de sensibilidade do Goberno central tomando decisións á marxe da negociación colectiva, como a redución da xornada laboral, e impoñendo cargas crecentes que dificultan a súa competitividade.

Neste marco, puxo en valor medidas que promove a Xunta como o impulso á formación á carta, destinada a garantir que as empresas conten co persoal cualificado que precisan para reforzar o seu desenvolvemento. Entre os exemplos destacados, mencionou o futuro decreto de microcredenciais para o traballo —actualmente en trámite de audiencia pública para recibir as achegas de sectores estratéxicos— e a nova convocatoria de accións formativas para persoas desempregadas, dotada con 50 M€, completamente redeseñada para dar unha resposta máis eficaz e áxil ás necesidades reais do tecido produtivo.

Ademais do premio principal, concedéronse catro accésits a empresas que destacaron en ámbitos como a internacionalización (Valora Consultores de Gestión), a dixitalización e innovación (Informática y Networking Compostela), a formación e emprego (Emsable System) e a sustentabilidade (Sistemas Audiovisuales Itelsis), todas elas con opción a concorrer tamén á convocatoria nacional nas súas respectivas categorías.

Posta en valor das cámaras de comercio

José González destacou igualmente o papel fundamental das cámaras de comercio, ás que cualificou como actores clave da colaboración público-privada e referentes en ámbitos como o asesoramento, a formación, o apoio ao emprendemento, a promoción exterior e a internacionalización. Subliñou, ademais, que son parte esencial do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 e da política de impulso ao emprendemento pola que avoga a Xunta.

Neste sentido, puxo en valor a recente recuperación dos servizos camerais en Ferrol a través da Cámara de Comercio da Coruña —froito dun decreto impulsado pola Xunta— e o convenio para potenciar na cidade o Polo de Ferrol, aproveitando a experiencia da Cámara en materia de emprendemento para reforzar o ecosistema emprendedor e ofrecer novas oportunidades a quen desexe iniciar ou consolidar un proxecto propio.

Loading...