A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Carballo no acto de clausura deste obradoiro de emprego dual, ao que o Goberno galego concedeu preto de 324.000 euros incluíndo incentivos á contratación

A través da fórmula conxunta de formación e traballo efectivo nos seus municipios, as 15 persoas implicadas participaron nas modalidades de montaxe e instalación de construcións de madeira e de montaxe de moble e elementos de carpintaría

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe no acto de clausura do obradoiro de emprego dual Obradoiro Lubiáns, unha iniciativa que involucra os concellos de Carballo e Coristanco e que recibiu unha achega de case 324.000 euros por parte da Xunta de Galicia, incluíndo incentivos para promover a contratación en empresas da contorna. Nesa liña, Lado puxo de relevo a cualificación profesional que recibiron as 15 persoas participantes ao tempo que desenvolveron un traballo efectivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Neste caso, formáronse e traballaron en beneficio dos seus respectivos municipios nas modalidades de montaxe e instalación de construcións de madeira e na de montaxe de moble e elementos de carpintaría, cos conseguintes beneficios de cara á súa empregabilidade.

En concreto, ao longo de nove meses, o alumnado traballador centrouse na dotación e renovación de mobiliario interior dos centros sociais das parroquias de Bértoa, Entrecruces e Verdillo, no caso de Carballo; e dos de Cereo, Erbecedo e Oca, xa en Coristanco. A maiores, encargóuselles na parroquia carballesa de Artes unha pérgola para o exterior da escola unitaria e, en Coristanco, tanto un peche perimetral para o pavillón deportivo do CPI Alcalde Xosé Pichel como unha pérgola no exterior do Museo da Pataca de Santa María de Traba.

Cómpre engadir que, dentro destes obradoiros duais, o Goberno galego subvenciona os gastos da posta en marcha e desenvolvemento do taller e dos custos de contratación tanto das persoas participantes, como do persoal directivo, docente e de apoio. De cara á selección de alumnos-traballadores, priorízase a atención ás persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional. Así mesmo, ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios, na formación forestal ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.

Loading...