A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Teatro da Beneficiencia de Ortigueira na entrega de diplomas
O itinerario formativo de nove meses de duración impartiuse na modalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada dos alcaldes de Ortigueira, Valentín Calvín; Cariño, Ana López; Cerdido, Alberto Rey; e Mañón, Alfredo Dovale, participou esta mañá no Teatro da Beneficencia na clausura do obradoiro dual de emprego Terras do Ortegal II que contou cun investimento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de preto de 412.000 euros.
Durante o acto entregáronse os diplomas acreditativos ás 19 persoas que concluíron este itinerario formativo de nove meses que se impartiu na modalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institución sociais. Os alumnos completaron a súa formación teórica con prácticas e visitas á residencia de maiores de Ortigueira e á asociación Aspromor.
Na súa intervención, a delegada territorial puxo en valor este tipo de formacións que axuntan formación teórico-práctica ”prestando atención ás necesidades de cada contorna, neste caso unha comarca cunha poboación moi dispersa e envellecida”, explicou, “como a vía máis efectiva para acadar unha integración laboral máis alta que, a fin de contas, é o obxectivo que perseguimos”.
Tamén destacou a importancia de ir da man das administracións locais na busca da mellora da empregabilidade e salientou os máis de 36 M€ en axudas concedidos o pasado ano para impulsar 87 obradoiros duais de emprego en toda Galicia.