A delegada territorial de Xunta de Galicia en Vigo clausurou este luns o curso financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e asistiu á primeira edición do Foro de Emprego ActivaMos-T
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este xoves a terceira edición do obradoiro Queda en Mos que permitiu formar durante os últimos nove meses a 20 persoas desempregadasn grazas a unha achega de 423.119 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ao Concello de Mos. Ademais, acompañada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e a vicepresidenta da Deputación, Laura Sánchez, asistiu tamén á celebración da primeira edición do Foro de Emprego ActivaMos-T.
Así, Ana Ortiz animou aos participantes a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. “A formación que recibides durante o último ano é unha ventá ao mercado de traballo e tanto a sociedade como as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.
Ademais, salientou a implicación da administración autonómica coa promoción do emprego na área de Vigo e salientou os estudos impartidos en Mos para carpintería e marketing dixital. A representante autonómica enfatizou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos.
A delegada fixo así especial fincapé na ampla dimensión destes programas, por canto melloran a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.
