A delegada da Xunta participou na clausura deste taller de formación que contou cun apoio do Goberno galego de case 423.000 euros e no que participaron os concellos de Padrón, Rois e Dodro
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, participou na clausura do obradoiro de emprego de Padrón, compartido con Rois e Dodro. No acto tamén estiveron presentes alcaldes dos municipios participantes.
No taller de formación Comarca do Sar 2024, formáronse a 20 alumnos en dúas especialidades con alta demanda de emprego en atencións sociosanitaria a persoas en domicilio e en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.
Concretamente, o alumnado levou a cabo 5 intervencións: en Padrón a pavimentación das rúas Dores, Figueiras e travesía de Figueiras; en Rois a reparación da cuberta do lavadoiro e da fonte e en Dodro a pavimentación da praza de Lestrove e os revestimentos interiores da súa Casa do Concello e os alumnos da outra modalidade tamén realizaron prácticas de coidados a veciños destes municipios.
Belén do Campo destacou que “estes talleres de formación son unha ferramenta moi útil para que as persoas desempregadas poidan reciclarse en sectores con elevada demanda de traballadores e traballadoras, e tamén para reforzar os servizos e dotacións municipais”. Neste sentido, explicou que “que as 20 persoas que participan en cada un destes obradoiros duais reciben cualificación profesional, ao tempo que desenvolven un traballo remunerado en actividades de utilidade pública ou interese social nos seus municipios”.

Obradoiros 24-25
A representante do Goberno autonómico informou que na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9,3 millóns de euros para formar 440 persoas sen traballo.
Finalmente, Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.
Na convocatoria de 2024-2025, ofrecéronse 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna. O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, obtén un certificado de profesionalidade.
A Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado. Priorízase a atención a persoas con especiais dificultades de inserción, como retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e persoas con diversidade funcional e ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios, na formación forestal (como o caso de hoxe) ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.
Belén do Campo destacou a importancia de ir da man das entidades locais para impulsar formación teórico-práctica, contribuíndo a mellorar a empregabilidade e prestando atención ás necesidades de cada contorna.
