José González puxo en valor os 421.000 euros que o Goberno galego destinou a esta iniciativa que aglutina os concellos coruñeses de Abegondo, Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada
Durante nove meses, as vinte persoas participantes combinaron formación e emprego en xardinaría, mantemento de zonas verdes e en operacións auxiliares de construción e albanelería
O conselleiro destacou que estes programas, ademais de mellorar a cualificación profesional, teñen un forte impacto social e comunitario ao contribuír ao benestar da veciñanza e á posta en valor das contornas locais.
Este obradoiro forma parte dos 87 proxectos duais apoiados na última convocatoria autonómica, cun investimento de máis de 36 millóns de euros, dos cales 23 se desenvolveron na provincia da Coruña
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou na clausura do obradoiro dual de emprego Reserva da Biosfera: Emprego verde IV, unha iniciativa que recibiu unha achega de máis de 423.000 euros por parte da Xunta e que aglutina os concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada.
Durante o acto —no que estiveron presentes representantes municipais dos seis municipios— González felicitou ás vinte persoas participantes, das que a metade combinaron traballo e formación en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e a outra metade en operacións auxiliares de construción e albanelería. Subliñou que este tipo de iniciativas, ademais de mellorar a cualificación profesional dos participantes e de potenciar as súas oportunidades no mercado laboral, teñen un forte impacto social e comunitario, xa que contribúen ao benestar da veciñanza e á mellora das contornas locais. A este respecto, destacou especialmente a importancia do emprego verde como sector estratéxico, clave ante o desafío da transición ecolóxica e para protexer o patrimonio natural das Reservas da Biosfera, xerando novas oportunidades de futuro. Neste contexto sinalou outras actuacións como o futuro Centro de Formación autonómico que albergará a Cidade das TIC —do que se vén de adxudicar a redacción do proxecto— e que estará especializado en novas ocupacións relacionadas coa transición verde e dixital, en liña coas demandas do mercado actual e o aproveitamento das novas oportunidades económicas, sociais e ambientais.

Tarefas desenvolvidas no obradoiro
Ao longo de nove meses, as persoas participantes levaron a cabo tarefas en beneficio dos seus respectivos municipios. Concretamente, o equipo de xardinería, levou a cabo a conservación, limpeza e acondicionamento das áreas recreativas de O Monte e Sarandóns, da Casa do Concello, do local social de Bordel e do invernadoiro de Limiñón en Abegondo; da Casa do Concello e do polígono industrial en Bergondo; do polígono dos Capelos e da área recreativa de Marco das Eiras en Carral; das áreas recreativas de Vigo e de Medín e da finca do Pedregoso en Paderne; e do parque Posse en Sada.
Pola súa banda, o equipo de auxiliares de construción e albanelería levou a cabo o acondicionamento e mellora do edificio San Marcos e dos locais sociais do Bordel e Meangos en Abegondo; da nave municipal de servizos e do edificio Toñito Espiñeira en Carral; e da área recreativa de Vigo en Paderne.
Obradoiros duais
O conselleiro sinalou que o Reserva da Biosfera: Emprego verde IV é un dos 87 obradoiros duais beneficiados das achegas autonómicas na convocatoria do ano pasado na que se investiron máis de 36 millóns de euros. No caso da provincia da Coruña, concedéronse 23 obradoiros duais que combinan formación e traballo.
Dentro destas accións, a Xunta subvenciona a posta en marcha e desenvolvemento do taller e os custos de contratación dos participantes e do persoal directivo, docente e de apoio. Priorízase a atención a persoas con especiais dificultades de inserción, como retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e persoas con diversidade funcional e ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios, na formación forestal ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.
José González subliñou que a colaboración estreita coas entidades locais é fundamental para adaptar os programas ás necesidades de cada contorna, potenciando o impacto positivo destas iniciativas na comunidade e favorecendo a creación de novas oportunidades laborais e de desenvolvemento local.
