A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe no acto de clausura do obradoiro ao que o Goberno galego destinou 412.000 €
Beneficiándose da fórmula conxunta de formación e traballo remunerado, a metade das 20 persoas implicadas participaron na modalidade de traballos forestais e a outra metade na de carpintaría, levando a cabo labores en beneficio dos seus concellos
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou hoxe no acto de clausura do obradoiro de emprego dual Ulla-Umia: Moraña, Portas, Valga, unha iniciativa que recibiu unha achega de 412.000 euros por parte da Xunta de Galicia e que involucra os concellos mencionados. Lado puxo de relevo a cualificación profesional que recibiron as 20 persoas participantes ao tempo que desenvolveron un traballo remunerado en actividades de utilidade pública ou interese social.
Neste caso, a metade optaron pola modalidade de traballos forestais, que incluíu actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas; mentres a outra metade participou na de carpintaría, que contemplou traballos de carpintaría e moble, mecanizado de madeira e derivados e aplicación de vernices e lacas.
Segundo destacou Lado, ao longo de nove meses, estas persoas non só se formaron e foron remuneradas polo traballo realizado senón que as tarefas que levaron a cabo beneficiaron os seus respectivos municipios. En concreto, en Valga incidiron no acondicionamento do Camiño portugués, no mantemento da contorna da Escola Taller e na limpeza, poda e plantación en parques, colexios e áreas deportivas, no caso da vertente forestal. Canto á da carpintaría, traballaron na Escola Taller en Forno, no mantemento e reposición de cercados, bancos e xardineiras en áreas recreativas e parques infantís, na reposición de pasarelas sobre o regato do río Valga e na construción de mobiliario urbano como pérgolas, bancos e xardineiras para espazos do concello.
No caso de Portas, realizaron labores de recuperación e mantemento de antigas rutas e sendeiros na Vía Verde, de limpeza e poda na contorna da Azucreira e traballos nos parques de Outeiriño de Abaixo, Domingo Fontán e Miradoiro do AVE, así como na praia fluvial. Canto á parte de carpintaría, incidiron na conservación e mantemento dos parques mencionados, no albergue de peregrinos, en Currás e Mondorio. Tamén repararon e substituíron elementos na Ponte Chaín, executaron mobiliario urbano e unha pérgola para o parque da Bouza.
Xa en Moraña, centráronse —no eido forestal— no mantemento das sendas de Bouza-Grixó e da Alberguería, da contorna da piscina municipal e do campo de fútbol de Buelo, ademais de limpar e podar nas carballeiras de Corrigatos, O Covelo, As Pontellas, A Igrexa, fonte de Santa Xusta e Feira Vella. No relativo á carpintaría, centráronse na conservación e mantemento de parques infantís, de cerramentos e valados, de mobiliario urbano e para o local social da Chan, ademais de reparar portas no pavillón deportivo do CPI Santa Lucía e na casa do mestre na Penagrande.
Cómpre engadir que, dentro destes obradoiros duais, o Goberno galego subvenciona os gastos da posta en marcha e desenvolvemento do taller e dos custos de contratación das persoas participantes, priorizando a atención ás persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional. Así mesmo, ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios, na formación forestal ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.