A provincia de Pontevedra contou con 20 obradoiros duais de emprego que formaron a preto de 400 persoas desempregadas grazas a un orzamento de máis de 8 millóns de euros
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura dos obradoiros de emprego duais Forme 2025 e Emprego Hostalería do Salnés XVI, no concello de Vilagarcía de Arousa e na Mancomunidade do Salnés, respectivamente.
Cada un destes obradoiros formaron a 20 persoas desempregadas nas especialidades de albanelería e carpintería de madeira, no caso do de Vilagarcía de Arousa, e cociña e operacións básicas de restaurante-bar, no da Mancomunidade do Salnés
Así, os obradoiros, que tiveron unha duración aproximada de nove meses, foron posibles grazas a un investimento da Xunta de preto de 420.000 euros en cada un. O alumnado recibiu a formación necesaria para poder desenvolverse na súa área, con contratos de traballo que reverteron a favor dos seus concellos, xa que os participantes desenvolveron proxectos e eventos organizados polos seus municipios.
Cabe destacar que a provincia de Pontevedra contou nesta convocatoria con máis de 20 obradoiros deste tipo que formaron a preto de 400 alumnos e alumnas grazas a un investimento total de máis de 8 millóns de euros. Na comarca do Salnés o investimento foi de preto de 1,7 millóns de euros.
O delegado territorial felicitou a todos os participantes e entregou os diplomas que acreditan as súas novas habilidades, ademais lembrou o compromiso da Xunta por “manter unha política de emprego que está a dar moi bos resultados e que nos últimos anos conseguiu inserir no mercado laboral a centos de galegas e galegos”.