A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá ás participantes do último curso formativo sobre capacidade emprendedora que se impartirá ao abeiro deste programa
Este é un dos tres Programas Integrados de Emprego que o Goberno galego financiou o pasado curso no ámbito territorial da Delegación cun investimento conxunto de 580.000 euros
A Xunta clausura o Programa Integrado de Emprego (PIE) promovido pola Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol que acadou un 38% de inserción laboral do centenar de mulleres que participaron nel. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá no centro de formación Irmás Froilaz, en Narón, á decena de alumnas que participan no último curso formativo que se impartirá ao abeiro deste programa sobre fomento da capacidade emprendedora.
Neste PIE, dirixido exclusivamente a mulleres, participaron veciñas dos municipios de Narón, Valdoviño, Cedeira, Neda, Cabanas, Fene, Mugardos e Ares, todas elas en situación de desemprego e con especiais dificultadas de inserción laboral.
As participantes melloraron a súa formación nas especialidades de cociña, limpeza industrial ou xestión de comunidades virtuais, propostas que se complementaron con obradoiros de busca de emprego, entrevistas de selección de persoal, ferramentas de coaching, inglés en nivel básico ou alfabetización informática, entre outras.
Aneiros puxo en valor o bo resultado dos programas integrados de emprego promovidos pola Xunta “que en moitos casos, como foi este, logran acadar unha porcentaxe de inserción laboral superior ao obxectivo marcado ao inicio do programa” e animou ás participantes a aproveitar os coñecementos adquiridos de cara a mellorar o seu acceso ao mercado de traballo.
O PIE da Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol contou cunha financiación autonómica de 220.000 euros e é un dos tres programas que o Goberno galego financiou o pasado curso na área territorial de Ferrol cun investimento conxunto de 580.000 euros.