A delegada da Xunta participou na clausura destes talleres de formación que contaron cun apoio do Goberno galego de case 850.000 euros
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo e pola presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García, participou na clausura dos obradoiros de emprego de Ordes, compartido con Frades e Mesía e no organizado pola Mancomunidade de Ordes da que forman parte os concellos de Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo, Frades, Mesía e Cerceda. No acto tamén estiveron presentes os alcaldes dos municipios participantes.
No taller de formación Brañas do Illó-Río Samo VII, organizado por Ordes, se formaron a 20 persoas en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. A delegada destacou que este taller de emprego péchase despois de 9 meses, grazas a un investimento da Xunta de case 423.000 euros.
Concretamente, o alumnado levou a cabo 32 actuacións de mantemento e plantacións en áreas de lecer, fincas municipais, paseo fluviais, prazas, piscinas municipais, puntos limpos, áreas recreativas, parques, e campos de fútbol de Ordes, Mesía e Frades.
O segundo obradoiro, Mancomunidade de Ordes IV, formou a outros 20 alumnas e alumnos, en pintura industrial de construción e instalación de elementos de carpintería. Na parte práctica deste curso continuouse coa rehabilitación da estación de tren da Parada en Ordes.
Belén do Campo destacou que “estes talleres de formación son unha ferramenta moi útil para que as persoas desempregadas poidan reciclarse en sectores con elevada demanda de traballadores e traballadoras, e tamén para reforzar os servizos e dotacións municipais”. Neste sentido, explicou que “ademais de recibir unha gran formación da man de excelentes profesionais, realizan unha labor que, en última instancia, beneficia aos veciños e veciñas dos municipios participantes mellorando os seus espazos públicos e instalacións municipais”.
Obradoiros 24-25
A representante do Goberno autonómico informou que a comarca de Ordes conta, nesta convocatoria 24-25, con 3 obradoiros duais grazas a un apoio da Xunta de máis de 1.260.000 euros (Ordes, con Frades e Mesía; a Mancomunidade de Ordes e Trazo con Cerceda, Oroso e Tordoia).
Na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9,3 millóns de euros para formar 440 persoas sen traballo.
Finalmente, Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.
Na convocatoria de 2024-2025, ofrecéronse 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna. O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, obtén un certificado de profesionalidade.
A Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.