Trátase da terceira mellor cifra de paro de toda a serie de datos (desde 1996) tras o fito conseguido os pasados meses de xuño e xullo e supón 8.987 persoas paradas menos que en agosto de 2024
Ademais, con 1.111.207 cotizantes, acádase a segunda mellor cifra histórica de afiliacións á Seguridade Social, tras o máximo rexistrado en xullo, con 18.321 afiliados máis que con respecto a hai un ano
Ademais, Galicia descende o paro no último ano a un mellor ritmo que España, avantaxando en preto de dous puntos a media estatal
O paro cae no último ano nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a caída a construción, seguido do sector primario, da industria e, por último, dos servizos
No relativo aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como dos menores de 30 anos e dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de agosto de toda a serie histórica
Galicia rexistra o nivel de desemprego máis baixo nun mes de agosto de toda a serie histórica, con 109.691 persoas paradas, e a terceira mellor cifra desde que hai rexistros (1996), tras o fito acadado os pasados meses de xuño (107.254) e xullo (107.858 persoas). Ademais, acádase a segundo máximo histórico de afiliacións á Seguridade Social —tras o rexistrado en xullo de 2025— con 1.111.207 cotizantes.
Así o destacou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na valoración dos datos relativos ao mes de agosto. O conselleiro tamén puxo de relevo que respecto ao mesmo mes de 2024, rexistráronse 8.987 persoas paradas menos, o que supón unha redución do -7,57 %, preto de dous puntos por enriba da media estatal (-5,66 %). En canto ás afiliacións á Seguridade Social, o titular de Emprego destacou que Galicia conta con 18.321 afiliacións máis en relación a hai un ano, o que implica unha suba do 1,68 %.
A isto engádese que o bo comportamento do mercado laboral galego é transversal ás catro provincias e ás 7 cidades. De feito, na evolución anual o paro cae nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos, liderando a caída a construción (-12,47 %), seguido do sector primario (-11,30 %), da industria (-9,43 %) e, por último, do sector servizos (-6,60 %).
En relación cos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como dos menores de 30 anos e dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de agosto de toda a serie histórica (maio 2005), rexistrando respectivamente unha caída anual de 4.876 persoas —o 6,93 %—, de 827 persoas —o 6,60 %— e de 5.619 persoas —o 9,22%—.
Neste sentido, José González subliñou a importancia de seguir traballando xuntos tanto empresas como administración autonómica de cara a seguir consolidando un mercado laboral forte, dinámico, inclusivo e que xera emprego de calidade nos diferentes sectores económicos.