Na provincia de Pontevedra leváronse a cabo 20 obradoiros deste tipo por un valor total de máis de 8 millóns de euros
Reguera lembrou a alta demanda de traballadores que existe no sector turístico e hostaleiro
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá no acto de clausura do obradoiro de emprego dual Mar de Santiago IV, no concello de Vilanova de Arousa.
Trátase dun obradoiro que formou a 20 persoas desempregadas nas especialidades de cociña e restaurante-bar. Este obradoiro, que tivo unha duración aproximada de nove meses, foi posible grazas a un investimento da Xunta de preto de 420.000 euros. Así, o alumnado recibiu a formación necesaria para poder desenvolverse nas súas áreas, ademais de contar con prácticas remuneradas durante toda a duración do curso.
Cabe destacar que estas prácticas reverteron a favor do seu concello, xa que os participantes realizaron traballos dentro do seu municipio. Así, os estudantes realizaron traballos en diversas iniciativas sociais e solidarias organizadas coa colaboración do Concello de Vilanova de Arousa.
A provincia de Pontevedra contou nesta convocatoria con vinte obradoiros deste tipo que formaron a case 400 alumnos e alumnas grazas a un investimento total de máis de 8 millóns de euros.
O delegado territorial utilizou a súa intervención para felicitar a todos os participantes por ter rematado a súa formación e lembrou que “grazas a este obradoiro, todos contan agora cunhas habilidades e coñecementos que lles permitirán inserirse no mercado laboral, coa vantaxe de que a hostalaría é un sector no que hai unha demanda constante de man de obra”.