A delegada territorial, Ana Ortiz, asistiu á clausura da última edición do curso que financia a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este venres o obradoiro Salvaterra Emprega IV que permitiu formar durante o último ano a 20 persoas desempregadas e confirmou un investimento de 423.236 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para reeditar unha edición máis o curso que promove Salvaterra de Miño.

A representante autonómica, que estivo acompañada pola alcaldesa, Marta Valcarcel, destacou o traballo realizado polos participantes, entre outros o proxecto de Xardín Vertical, e incidiu no aproveitamento da oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo.

Ortiz confirmou que a Xunta financiará en 2026 novos cursos na área de Vigo. No caso concreto de Emprega IV, os participantes recibiron desde decembro de 2024 a setembro de 2025 formación nas especialidades de xardinería e forestal.

Así, o Concello continuou coa tarefa xa iniciada da posta en valor do Parque Forestal Monte Castelo mediante a formación en materia de xardinería e forestal, para conseguir un espazo público de lecer con valores paisaxísticos, culturais e ambientais a preservar: eliminación de invasoras, tratamentos de consolidación de ripisilva, plantacións mixtas de frondosas, plantacións mixtas de baixa densidade, tratamentos de consolidación de frondosas espontáneas e labores de mantemento.

Loading...