A xuntanza, que contou con representantes de APE Galicia, ATA e Agtamar-UPTA, tivo como obxectivo avaliar as consecuencias dos incendios na actividade dos profesionais por conta propia e recoller as necesidades presentes e futuras do colectivo
Tamén se informou sobre as diferentes liñas de axudas urxentes ás que se poderán acoller, entre elas unha orde do Igape para atender danos materias en empresas ou comercios, que se detallará mañá no Consello Extraordinario da Xunta
José González fixo fincapé en que os autónomos son pezas fundamentais para manter vivo o tecido económico e social, especialmente no rural, e amosou a vontade do Goberno galego de acompañalos coa máxima responsabilidade e dilixencia
Tamén anunciou a posta en marcha do Escaparate Apoia o teu Autónomo, un espazo virtual no que a cidadanía poderá apoiar e consumir directamente produtos e servizos ofertados por autónomos e pequenas empresas afectados polos incendios
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou esta mañá nunha xuntanza extraordinaria da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia co obxectivo de avaliar o impacto dos lumes na actividade dos profesionais por conta propia.
En declaracións previas á reunión, que contou coa participación das principais organizacións representativas do traballo autónomo en Galicia —APE Galicia, ATA e Agtamar-UPTA—, o conselleiro sinalou que o obxectivo da xuntanza é informar sobre as liñas de axudas urxentes ás que se poderán acoller, entre elas unha orde do Igape que se detallará mañá no Consello Extraordinario da Xunta para atender danos materiais en empresas e comercios, e recoller as necesidades e achegas do sector para deseñar futuras medidas de apoio que sexan precisas, adaptadas á realidade de quen viu afectada a súa actividade.
O conselleiro fixo fincapé en que os autónomos son pezas fundamentais para manter vivo o tecido económico e social das vilas e cidades galegas, e aínda máis no rural, onde resultan indispensables para conservar servizos, actividade e fixar poboación. Así, amosou o compromiso da Xunta de poñerse á súa disposición para escoitar de primeira man as súas necesidades e acompañalos con responsabilidade, rapidez e con toda a determinación que a situación require.
Neste senso, a Mesa do Emprego Autónomo constitúe unha ferramenta fundamental de diálogo e consenso, que permite traballar da man co sector tanto no impulso de novas políticas como nos momentos de maior dificultade.
Escaparate Apoia o teu Autónomo
Ademais das axudas económicas presentes e futuras, o conselleiro avanzou a posta en marcha do Escaparate Apoia o teu Autónomo, unha iniciativa que habilitará un espazo virtual accesible desde a web empregoengalicia.gal no que a sociedade galega poderá coñecer, apoiar e consumir directamente produtos e servizos ofertados polos profesionais autónomos e pequenas empresas afectados polos incendios.
O obxectivo, indicou González, é darlles visibilidade, impulsar o consumo de proximidade e xerar unha maior conciencia social sobre a importancia deste colectivo.