A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou a empresa de carpintería Ramón García, participante nesta iniciativa do Goberno autonómico que facilita a inserción laboral dos galegos residentes no exterior

Subliñou que este programa, incluído na Estratexia Galicia Retorna, exemplifica o modelo de captación de talento ordenado, planificado e integral impulsado polo Goberno galego para afrontar retos como a cobertura de vacantes

Salientou que na edición en vigor 118 persoas foron contratadas en 34 municipios, das que arredor de 80 xa se instalaron na comunidade, procedentes de países como Arxentina, Uruguai, Cuba, Venezuela, Brasil ou México

Ademais, no marco do programa, arredor dun cento de empresas están a ofertar preto de 700 vacantes en sectores estratéxicos

En paralelo, e para atender as necesidades presentes e futuras do tecido produtivo, a Xunta tamén avanza da man das empresas en medidas dirixidas a traballadores non nacionais procedentes de terceiros países, co foco en América Latina

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou esta mañá, respectivamente en Mesía e Ordes, o centro de produción e as oficinas e loxística da empresa de carpintería Ramón García. Durante a visita interesouse polas necesidades de talento do sector e coñeceu de primeira man a experiencia da compañía no programa Retorna Cualifica Emprego, que xa lle permitiu a contratación de 8 persoas galegas retornadas para cubrir postos vacantes.

Lado destacou o esforzo da Xunta por colaborar co tecido empresarial galego para afrontar retos do mercado laboral, especialmente en eidos estratéxicos, e subliñou que este programa, incluído na Estratexia Galicia Retorna, exemplifica un modelo de captación de talento ordenado, planificado e integral impulsado polo Goberno galego. Explicou que, a través do mesmo, facilítase o regreso de persoas galegas menores de 55 anos residentes no exterior, ofrecéndolles un posto de traballo estable mediante contrato laboral, mentres que as empresas con necesidades específicas de man de obra poden cubrir as súas prazas con perfís adecuados.

A directora xeral salientou que, na edición en vigor, 118 persoas foron contratadas en 34 municipios, das que arredor de 80 xa se instalaron na comunidade, procedentes de países como Arxentina, Uruguai, Cuba, Venezuela, Brasil ou México. Ademais, engadiu que actualmente máis de cen empresas ofrecen preto de 700 vacantes en sectores como hostalaría, industria e construción, comercio e servizos ou agro gandeiro, entre outros.

Como novidade desta edición, a convocatoria incorpora axudas específicas para facilitar o acceso ao alugueiro de vivenda e, por primeira vez, desenvolvéronse accións en orixe, como as feiras de emprego celebradas en marzo en Arxentina e Uruguai, ás que asistiron máis de 3.500 persoas e nas que participaron cinco clústeres e unha vintena de empresas de sectores estratéxicos.

Plan de atracción de talento

Xunto coas iniciativas destinadas a reforzar e reter a man de obra interna, a Xunta impulsa un plan de atracción de talento exterior para facer fronte a desafíos como o cambio demográfico e a cobertura de vacantes laborais. O eixo prioritario deste plan céntrase no regreso de galegos e galegas residentes no exterior, con medidas como o Retorna Cualifica Emprego, e, nun segundo eixo, atraer traballadores de terceiros países.

Dentro deste ámbito, destacan accións como a recente sinatura dun manifesto de vontades con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai, que establece vías de migración laboral coordinadas coas empresas galegas. Ademais, a Xunta solicitou ao Goberno central o traspaso das competencias para as autorizacións iniciais de traballo, co obxectivo de reforzar este procedemento e axilizar os trámites fronte aos retrasos actuais do Executivo central.

Loading...