A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social visitou hoxe en Cangas a empresa de fisioterapia Sportlife Fisio, unha sociedade limitada laboral á que se lle outorgou unha axuda de 30.000 euros para a adquisición dunha bomba diamagnética.

Marta Mariño destacou que a convocatoria persegue apoiar a transformación dixital, a eficiencia enerxética e a competitividade de cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, puxo hoxe en valor as 140 entidades beneficiarias dun importe total de case 2,6 M€ no marco da convocatoria deste ano do Bono Consolida Economía Social, co que a Xunta apoia a consolidación desta fórmula no marco do tecido económico galego e cuxa resolución se publicará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia (DOG). Así o dixo na súa visita á clínica Fisioterapia Activa Cangas da empresa Sportlife Fisio, unha sociedade limitada laboral á que se lle outorgou unha axuda de 30.000 euros para a adquisición dunha bomba diamagnética.

Deste xeito, segundo salientou a directora xeral, a achega que recibiu este negocio de Cangas permitiralles ás persoas traballadoras mellorar a atención que prestan, botando man dunha nova técnica non invasiva que axuda na recuperación de lesións e na redución da dor. Unhas persoas traballadoras que, dado que forman parte dunha sociedade limitada laboral, posúen a maioría do capital da empresa, o que fomenta —destaca Marta Mariño— a súa implicación no marco dos principios dunha economía inclusiva e democrática.

Na visita, a representante autonómica sinalou que o Bono Consolida Economía Social fai especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, e ao mesmo tempo impulsa empregos inclusivos e de calidade. Neste sentido, poden ser beneficiarias destes apoios sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que estean rexistrados e acrediten unha antigüidade mínima de 42 meses.

Entre as actuacións subvencionables, atópanse investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025 en equipamento informático, software, márketing, eficiencia enerxética, elementos de transporte, formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (Reta) ou reformas que se realicen en calquera instalación do centro de traballo.

Apoio á economía social

Estas axudas súmanse ás do programa Aprol Economía Social (5 millóns de euros) para fomentar o emprego e a mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, con prazo de solicitude aberto ata o 16 de setembro, así como ao programa ES Transforma (máis de 2,3 millóns) para a creación de cooperativas ou sociedades laborais, que se pode solicitar ata o 15 de setembro.

Entre outros, tamén cómpre mencionar os apoios específicos para as entidades colaboradoras da rede Eusumo, aos que este ano se destinan 690.000 euros e as axudas para fortalecer o tecido asociativo do sector (330.000 euros).

 

Loading...