O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2025 destas achegas cofinanciadas pola Unión Europea e destinadas a incentivar a inserción laboral de desempregados de entre 18 e 29 anos en máis de 200 entidades

As solicitudes poderán presentarse desde o vindeiro luns, 25 de agosto, ata o 22 de setembro e estas axudas apoian a contratación das persoas mozas a xornada completa por nove meses en labores relacionados cos fins non lucrativos da entidade

Este programa forma parte da aposta do Executivo autonómico para fomentar o emprego xuvenil, na que se inclúen outras medidas como Galicia Emprega Mocidade ou os programas de primeira experiencia profesional e Investigo, entre outras

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2025 das achegas para apoiar o traballo das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en entidades locais e en organismos intermedios sen ánimo de lucro. A elas, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 6,5 M€, cofinanciados pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027. Con esta medida, o Executivo autonómico estima poder incentivar a contratación de arredor de 400 persoas de entre 18 e 29 anos en máis de 200 entidades cun traballo efectivo co que adquiran a experiencia profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.

A elas poden acceder, por unha banda, os concellos galegos, aos que, da cantidade total, se destinan 3 M€. Por outra banda, tamén poden optar a elas os organismos intermedios sen ánimo de lucro; é dicir, as asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais e de carácter tecnolóxico; os consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, así como as agrupacións industriais empresariais que representen a un colectivo de empresas galegas, os clústeres empresariais e as asociacións de persoas autónomas. Para estas entidades, o orzamento é de 3,5 M€.

Deste xeito, o Goberno galego busca con estas axudas incentivar a contratación de persoas mozas desempregadas, para o que é necesario que estean inscritas como tal no Servizo Público de Emprego de Galicia e como beneficiarias no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e que non tiveran traballado. Neste sentido, o obxectivo fundamental desta iniciativa é proporcionarlles unha experiencia profesional que facilite a súa integración no mercado laboral.

Máis detalles da convocatoria

O prazo de presentación de solicitudes abrirá o vindeiro luns, 25 de agosto, e prolongarase ata o 22 de setembro. En concreto, o que a Xunta apoia con estas axudas é a contratación a xornada completa destas mozas e mozos por nove meses en labores relacionados cos fins non lucrativos da entidade. Para iso, cada entidade beneficiaria recibirá como media 18.000 euros por persoa moza contratada, variando a cantidade en función do seu grupo de cotización, e a axuda cobre os gastos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas.

Este programa forma parte da aposta do Goberno galego para fomentar o emprego xuvenil, na que se inclúen outras medidas como Galicia Emprega Mocidade, que conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros en 2025 dentro da convocatoria Galicia Emprega, dotada con 20 millóns e actualmente aberta ata o 30 de setembro ou os programas de primeira experiencia profesional e Investigo, entre outras. Todas elas, enmárcanse na futura Estratexia Mocidade Activa, que mobilizará máis de 20 millóns de euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250822/AnuncioG0767-130825-0002_gl.html
Loading...