O director xeral de Comercio e Consumo e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia visitaron o novo curso desta iniciativa do Goberno galego, o Espacio Vilaseco, Os Casares e a cesteira Idoia Cuesta
O curso Arte contemporánea e fibras: Unha producción artística é impartido pola artista Sonia Navarro e con el remata o terceiro dos catro módulos que conforman esta acción formativa
Enmárcase no proxecto pioneiro Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Xunta para contribuír á profesionalización do sector artesán galego e para atraer novos talentos que garantan a remuda xeracional
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, desprazáronse hoxe ata San Cristovo de Mouricios, no concello de Chantada, para participar no inicio dun novo curso de Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais. Trátase dunha acción formativa centrada na divulgación e transmisión dos oficios artesanais vinculados ás fibras vexetais, que se enmarca no programa pioneiro Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Xunta desde 2023 co obxectivo de fomentar a remuda xeracional no sector artesanal galego, poñendo en valor o seu papel como vertebrador do territorio e elemento clave na fixación de poboación no rural.
Arte contemporánea e fibras: Unha produción artística é o curso impartido pola artista Sonia Navarro en colaboración con Idoia Cuesta, que pecha o terceiro dos catro módulos de Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais. Esta iniciativa promove a divulgación e transmisión dos oficios vinculados á cestería e ao traballo con fibras vexetais, contando coa participación de cesteiros, deseñadores e artistas que abordan o proceso completo: dende a recolección das fibras ata o deseño de produto, a produción artística e as técnicas tradicionais.
Este terceiro módulo, centrado no deseño de produto e na produción artística, deu comezo no mes de xullo cunha formación sobre arte da paisaxe a cargo dos creadores daneses Jette Mellgren e Jan Johansen. O cuarto e último módulo estará dedicado á cestería de colmo, unha técnica tradicional de cosido en espiral que emprega talos de palla de centeo e trigo, así como outras especies vexetais como xesta, piorno ou liño, para elaborar obxectos con fonda raíz no mundo rural. Esta formación terá lugar os días 15, 16 e 17 de outubro e será impartida por Álvaro M. Leiro, Premio Nacional de Artesanía 2023. O peche do curso será os días 25, 26 e 27 de novembro da man do deseñador Miguel Leiro, que acompañará as persoas participantes no deseño de obxectos e na creación de prototipos dunha colección baseada nas técnicas aprendidas.
Aprender da tradición
Aprender da Tradición. Oficios e técnicas é un programa formativo pioneiro en España, impulsado pola Xunta de Galicia a finais de 2023 co obxectivo de garantir a remuda xeracional no sector artesanal galego. Esta iniciativa estratéxica aposta pola artesanía como elemento vertebrador do territorio e como factor clave na fixación de poboación, especialmente no ámbito rural. O programa persegue varios obxectivos fundamentais: capacitar os artesáns e expertos para que poidan transmitir os seus coñecementos, facilitar a formación de novas xeracións interesadas nos oficios tradicionais, fomentar a comercialización dos produtos elaborados por artesáns locais, sensibilizar a sociedade sobre a importancia da súa conservación, visibilizar os procesos vinculados aos saberes tradicionais e consolidar un sector artesanal competitivo que reúna todo o talento galego.
A iniciativa artéllase arredor de dúas liñas de actuación: a primeira está centrada na remuda xeracional e dirixida á captación de novos perfís para o sector, proporcionando formación práctica e especializada que recolle a transmisión directa de coñecementos, ao estilo tradicional de aprendizaxe nos obradoiros. Deste xeito, fórmase unha nova xeración de profesionais cunha base sólida nos oficios artesanais, garantindo a continuidade e a vitalidade do sector como motor cultural, económico e turístico de Galicia.
A segunda liña está enfocada na capacitación e profesionalización dos artesáns xa en activo. A través da formación especializada, búscase mellorar a calidade dos produtos finais, abrir novas oportunidades de mercado e revalorizar o proceso artesanal como parte esencial dun produto de calidade, poñendo en valor o saber facer tradicional como patrimonio vivo e competitivo.