A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou esta mañá as instalacións do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño, onde mantivo un encontro cun emprendedor asesorado nesta oficina
Puxo de relevo iniciativas da Rede de polos como a Bolsa de remuda de negocios, un servizo que facilita a transmisión de empresas ao conectar a persoas interesadas en vender ou alugar a súa empresa con outras dispostas a continuar coa súa actividade
Outra das liñas de apoio orientada á transmisión de negocios é o Bono Remuda, un dos cinco programas específicos da orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas, dotada con máis de 40 M€ e aberta ata o 30 de setembro
O Polo do Porriño é un dos tres activos na provincia de Pontevedra xunto cos de Silleda e Vilanova de Arousa e leva atendidos máis de 760 proxectos
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou esta mañá as instalacións do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño, onde mantivo un encontro co emprendedor Hugo García, asesorado nesta oficina e que recentemente asumiu o traspaso do negocio de instalacións eléctricas Electricidade Paramos, en Salceda de Caselas, trala xubilación do anterior propietario. Na visita tamén participou o alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo.
Alí a directora xeral puxo de relevo o papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego neste eido a través de iniciativas como a Bolsa de remuda de negocios, un servizo que facilita a transmisión de empresas ao conectar a persoas interesadas en vender ou alugar a súa empresa con outras dispostas a continuar coa súa actividade.
A través del, a Rede de polos ofrece un acompañamento especializado ao longo de todo o proceso de remuda ou transmisión de negocios xa en funcionamento en Galicia, proporcionando asesoramento, axilidade e apoio técnico. Ademais, a Bolsa de remuda funciona tamén como un escaparate de oportunidades reais para aquelas persoas que desexan poñer en marcha un proxecto empresarial sólido e viable, reducindo os riscos asociados á creación dun negocio desde cero.
Outra das liñas de apoio orientada á transmisión de negocios é o Bono Remuda, un dos cinco programas específicos da orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas —dotada con máis de 40 M€ e aberta ata o 30 de setembro—. Está orientada a facilitar a transmisión de negocios rendibles en prol da remuda xeracional e da vertebración do territorio e conta cun orzamento total de máis de 1,2 M€.
Concrétase con dúas liñas, o Bono remuda rural -para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes- e o Bono remuda xeral -para negocios situados en municipios de 10.000 ou máis habitantes- e nesta edición, como novidade destacada, inclúe axudas para os autónomos que traspasan o negocio por xubilación, ademais das incluídas para quen asume a empresa.
A actividade do polo do Porriño
O Polo do Porriño é un dos tres activos na provincia de Pontevedra xunto cos de Silleda e Vilanova de Arousa. No caso particular de Hugo García, chegou a esta oficina como parte dunha titoría principal, interesado en varias opcións de remuda empresarial dispoñibles no escaparate web da Rede de Polos e recibiu asesoramento sobre como solicitar o Bono Remuda. Finalmente asumiu o traspaso de Electricidade Paramos, un proceso que se realizou co acompañamento do Polo de emprendemento do Porriño.
O proxecto deste emprendedor é un dos máis de 760 atendidos neste polo onde predominan o comercio, o sector servizos e a hostalaría, deles máis de 50 de remuda. Das persoas asesoradas nesta oficina, preto do 60 % son mulleres e algo máis do 40 % homes, das que máis do 50 % están na franxa de idade de entre 35 e 52 anos a con elas lévanse realizado máis de 1.500 titorías. En canto ás actividades, neste polo lévanse realizado máis de 70 actividades, entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos da rede.