A iniciativa beneficiou a máis de 2.000 proxectos e creou preto de 4.000 postos de traballo na última década
O delegado territorial visitou un dos establecementos que solicitaron a axuda
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Herboristería Bardana, no concello de Pontevedra.
Este foi un dos establecementos que solicitaron as axudas Emega, un programa que busca potenciar o talento e o emprego feminino e que ten demostrado uns moi bos resultados nas súas edicións pasadas.
O delegado lembrou que a convocatoria está aberta ata o vindeiro 14 de agosto e conta cun orzamento de máis de cinco millóns de euros que permitirá beneficiar a 350 iniciativas.
Neste sentido, sinalou que este orde de axudas conta con catro liñas: a primeira é Emega Emerxe, con contías de ata 22.000 euros, para apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea; a segunda é Emega Impulsa, con ata 17.000 euros de subvención, para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres e para implementar medidas innovadoras para a mellora da competitividade; a terceira modalidade é Emega Innova, con contías de ata 42.000 euros, para o desenvolvemento de iniciativas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica; e, por último, Emega Concilia, destinada a facilitar que as traballadoras poidan compaxinar a vida laboral, persoal e familiar.
Ademais, asegurou que este ano a convocatoria, cofinanciada nun 60% pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, tamén busca prestar un maior apoio a mulleres maiores de 55 anos e ás propostas de emprendemento no rural, entre outros.
Reguera rematou a visita destacando a necesidade de “seguir apostando por medidas que beneficien a igualdade de oportunidades e a conciliación familiar”, algo que, segundo explicou o delegado, este programa Emega cumpre á perfección: “o programa beneficiou a máis de 2.000 proxectos e consolidou preto de 4.000 postos de traballo na última década”.