O conselleiro salientou que esta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galicia Retorna, busca fomentar o retorno do talento galego e, ao mesmo tempo, cubrir as vacantes do tecido produtivo da Comunidade en distintos sectores como o gandeiro

Lembrou que esta edición fai especial fincapé na selección das persoas candidatas que responden aos perfís concretos que require cada empresa interesada co fin de obter resultados axustados á realidade do territorio e ao tecido produtivo

Coa primeira edición deste programa, regresaron a Galicia preto de 190 persoas e, coa edición actual, a Xunta prevé beneficiar 200 persoas galegas retornadas ata finais de ano cun orzamento de 2,3 M€

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse hoxe con gandeiros dos concellos coruñeses de Ordes e Frades cos que abordou as súas necesidades de man de obra e as medidas que desenvolve a Xunta neste eido e que pon á súa disposición para que poidan cubrilas.

Neste sentido, a reunión, na que tamén estiveron os alcaldes de Ordes e Frades, José Luís Martínez, e Roberto Rey, respectivamente, e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, centrouse no programa Retorna Cualifica Emprego. Esta é unha das medidas enmarcadas na Estratexia Galicia Retorna que busca fomentar o retorno da comunidade galega no exterior ofrecéndolle unha acollida integral, tanto a nivel laboral como persoal e familiar e, ao mesmo tempo, cubrir as vacantes do tecido produtivo da Comunidade en distintos sectores como o gandeiro.

En concreto, con Retorna Cualifica Emprego facilítase o regreso de persoas galegas menores de 55 anos residentes no exterior, ofrecéndolles un posto de traballo estable a través dun contrato laboral. Trátase dunha iniciativa, subliñou José González, coa que se casan estes perfís laborais coas necesidades de talento que trasladan as empresas adheridas ao programa e que exemplifica o modelo de captación de talento ordenado, planificado e integral que está a potenciar o Goberno galego.

Nesta liña, o conselleiro animou aos representantes do sector gandeiro que o precisen a adherirse a esta iniciativa, que nesta edición incorpora novidades como as axudas específicas para facilitar o acceso ao alugueiro de vivenda. Ademais, fai especial fincapé na selección das persoas candidatas que responden aos perfís concretos que require cada empresa interesada. O obxectivo, especificou José González, é obter resultados axustados á realidade de cada territorio e das empresas que demandan man de obra.

O Retorna Cualifica Emprego en cifras

O programa Retorna Cualifica Emprego é unha das accións do plan de atracción de talento exterior que desenvolve o Goberno galego co foco na comunidade galega no exterior e tamén con medidas para traballadores de terceiros países. Coa primeira edición desta iniciativa, que foi piloto, regresaron a Galicia preto de 190 persoas e, coa edición actual, a Xunta prevé beneficiar 200 persoas galegas retornadas ata finais de ano cun orzamento de 2,3 M€. Ata o momento, permitiu a contratación de máis de 110 persoas das que arredor de 80 xa retornaron á comunidade galega e actualmente hai máis dun cento de empresas que están a ofertar vacantes no marco deste programa.

Ademais, este ano, ao abeiro do Retorna Cualifica Emprego, o Executivo autonómico desenvolveu accións como as feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai, celebradas en marzo, que contaron coa participación de cinco clústeres e unha vintena de empresas de sectores estratéxicos e ás que asistiron 3.500 persoas.

Estas cifras, valorou o conselleiro, reflicten a capacidade deste programa para dinamizar o tecido socioeconómico galego, especialmente no rural. Tamén sinalou que accións coma esta exemplifican a importancia da colaboración público-privada para obter resultados eficaces a prol dun mercado laboral dinámico e inclusivo e que xere emprego de calidade.

 

Loading...