Trátase da segunda mellor cifra de paro de toda a serie de datos (desde 1996) tras o fito conseguido o pasado mes de xuño e supón 10.187 persoas paradas menos que en xullo de 2024

Ademais, por segundo mes consecutivo, acada o máximo de afiliacións, con 20.112 cotizantes máis en relación a hai un ano e cunha suba de 10.835 a nivel mensual

Galicia é a comunidade autónoma na que máis baixa o paro no último ano en termos relativos avantaxando en preto de tres puntos a media estatal

O paro cae no último ano nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a caída a construción, seguido do sector primario, da industria e, por último, dos servizos

No caso dos colectivos prioritarios, tanto os menores de 30 anos e parados de longa duración teñen o desemprego en mínimos históricos, mentres que o desemprego feminino rexistra o dato máis baixo nun xullo desde 2005

Galicia rexistra o nivel de desemprego máis baixo nun mes de xullo de toda a serie histórica, con 107.858 persoas paradas, e a segunda mellor cifra desde que hai rexistros (1996), tras o fito acadado o pasado mes de xuño (107.254). Ademais, por segundo mes consecutivo, acádase o máximo histórico de afiliacións á Seguridade Social, con 1.113.486 cotizantes.

Así o destacou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na valoración dos datos relativos ao mes de xullo. O conselleiro tamén puxo de relevo que Galicia é a comunidade na que máis baixou o paro no último ano en termos relativos. Así e con respecto ao mesmo mes de 2024, rexistráronse 10.187 persoas paradas menos, o que supón unha redución do -8,63 %, preto de tres puntos por enriba da media estatal (-5,71 %).

En canto ás afiliacións á Seguridade Social, o titular de Emprego destacou ademais que Galicia conta con 20.112 afiliacións máis en relación a hai un ano. A nivel mensual tamén soben, sumando 10.835 novas afiliacións, o que sitúa a Galicia como a 2ª comunidade con maior incremento en termos absolutos, só por debaixo de Baleares.

A isto engadiu que o bo comportamento do mercado laboral galego é transversal ás catro provincias e ás 7 cidades. De feito, na evolución anual o paro cae nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos, liderando a caída a construción (-13,18%), seguido do sector primario (-12,97%), da industria (-10,60%) e, por último, do sector servizos (-7,67%).

Mínimos históricos de desemprego nos colectivos prioritarios

En relación cos colectivos prioritarios, José González puxo de relevo a boa evolución dos datos. Tanto no caso dos menores de 30 anos e no de parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego de toda a serie histórica (maio 2005), rexistrando respectivamente unha caída anual de 1.101 persoas —o 8,98%— e de 5.967 persoas —o 9,77%—. Ademais, o desemprego feminino sitúase na cifra máis baixa dun mes de xullo desde que hai rexistros, cunha diminución anual de 5.504 paradas, o 7,90%.

Neste sentido, José González subliñou a relevancia destes datos e o bo comportamento e dinamismo do mercado laboral e recoñeceu a contribución das persoas traballadoras e das empresas a esta evolución. Ademais, destacou que o Goberno galego continúa aplicando as medidas que permitan a consolidación dun mercado laboral dinámico, inclusivo e que xera emprego de calidade.

Loading...