O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o incremento orzamentario desta liña de apoio aberta ata o 30 de setembro e que busca incentivar a formalización de contratos formativos entre a mocidade
O orzamento global de 2025 chegará así aos 6,7M€ este ano, o que permitirá apoiar a incorporación de 35 mozos e mozas máis, que se suman ás 650 previstas inicialmente, beneficiando a un total estimado de 685 persoas
Ademais, véñense de redistribuir arredor de 768.000 euros adicionais ás pemes no marco do programa Investigo co fin de ampliar a contratación de mozos e mozas como investigadores, tecnólogos ou perfís especializados en I+D+i
Estas iniciativas enmárcanse na futura Estratexia Mocidade Activa, cun orzamento de máis de 20M€ por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se incrementa o crédito da convocatoria de Primeira Experiencia Profesional en 468.881,74 euros —chegando así a un total de 6,7 millóns de euros nesta edición—, co obxectivo de atender o maior número posible de solicitudes e contribuír á retención do talento da mocidade en Galicia, ao tempo que se atenden as demandas do tecido empresarial.
Esta ampliación permitirá apoiar a incorporación de 35 mozos e mozas máis, que se suman ás 650 previstas inicialmente, beneficiando así a un total estimado de 685 persoas, fronte ás máis de 460 da edición de 2024.
A iniciativa —que permanecerá aberta ata o 30 de setembro— ten como finalidade facilitar o acceso á primeira experiencia profesional a persoas menores de 30 anos, mediante contratos formativos que poden ser formalizados por empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís ou comunidades de bens, entre outros axentes.
Estes contratos combínanse cun itinerario de formación, co fin de mellorar a empregabilidade da mocidade e favorecer a súa inserción estable no mercado laboral. As axudas concedidas cobren os custos salariais dos postos e oscilan entre os 9.975 e os 16.625 euros por contrato, en función do módulo aplicado.
Futura Estratexia mocidade activa
Ademais deste reforzo do programa Primeira Experiencia Profesional, a Xunta vén de redistribuir recentemente arredor de 738.000 euros adicionais ás pemes no marco do programa Investigo co fin de incrementar o seu impacto na contratación de mozos e mozas como investigadores, tecnólogos, persoal técnico e outros perfís especializados en I+D+i.
Ambos programas forman parte da batería integral de accións autonómicas para fomentar o emprego xuvenil. A futura Estratexia mocidade activa na que traballa a Xunta abarca este tipo de medidas e está dotada con máis de 20 M€, soamente por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250722/AnuncioG0767-110725-0001_gl.html