O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais asistiu á actividade promovida polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dirixida a profesionais do ámbito forestal e da silvicultura
O programa, que comezou en xuño en Cedeira (A Coruña) e que continuará a próxima semana en Becerreá (Lugo), inclúe seis edicións presenciais ao longo de 2025 con grupos reducidos de ata 15 participantes
A iniciativa busca reforzar as habilidades prácticas no uso da maquinaria e afondar na cultura preventiva como ferramenta clave para reducir a sinistralidade
Paralelamente, o Issga vén de activar unha campaña de boas prácticas sobre o uso correcto dos equipos de protección individual (EPI), enfocada nos principais perfís profesionais do monte
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, visitou esta mañá o desenvolvemento do curso de prevención de riscos laborais sobre o manexo seguro da motoserra e a rozadoira, celebrado en Viveiro no marco do programa formativo que impulsa a Xunta para as persoas traballadoras e profesionais do sector forestal e das actividades de silvicultura.
Durante a xornada —na que tamén estivo presente a alcaldesa de Viveiro, María Carmen Gueimunde—, Pablo Fernández destacou que estes cursos, incluídos no plan de actuación do Issga, son fundamentais para avanzar na mellora da calidade do emprego e na seguridade dos profesionais que desenvolven o seu labor nun dos sectores máis estratéxicos da economía galega e tamén con maior exposición ao risco laboral. Engadiu que este tipo de iniciativas permiten achegar a prevención ao día a día do monte e adaptar a formación ás condicións reais do sector forestal.
O programa formativo, que arrancou o pasado mes de xuño no concello de Cedeira (A Coruña) e que proseguirá a vindeira semana en Becerreá (Lugo), inclúe en 2025 un total de seis edicións presenciais cun máximo de 15 participantes por curso. Esta planificación permite garantir unhas condicións axeitadas de seguridade e de atención individualizada ao alumnado.
A formación busca fomentar a adquisición de habilidades prácticas no uso seguro da maquinaria forestal, en particular da motoserra e da rozadoira, así como concienciar sobre a importancia dunha cultura preventiva como ferramenta esencial para reducir o risco de sinistralidade no sector. Está previsto que o curso se desenvolva tamén nos concellos de Verín, Valga e Moraña, elixidos en función da súa actividade forestal e superficie arborada.
A formación, de carácter eminentemente práctico, combina contidos teóricos como conceptos básicos de seguridade e saúde no traballo, normativa aplicable, planificación de tarefas ou primeiros auxilios, con prácticas reais sobre o manexo seguro dos equipos, incluíndo montaxe, mantemento e técnicas de traballo con motoserra e rozadoira. A documentación técnica que se entrega ao alumnado foi elaborada polo grupo de traballo forestal do Issga, en colaboración con representantes das principais empresas do sector e persoal técnico do propio Instituto.
Compromiso coa seguridade no sector forestal
Este programa formativo encádrase no compromiso do Issga coa mellora da seguridade e saúde laboral no sector forestal, no marco do conxunto de accións preventivas e divulgativas que se están a desenvolver en 2025.
Así, entre outras iniciativas, vén de poñerse en marcha unha nova campaña de difusión de boas prácticas no uso dos equipos de protección individual (EPI), centrada nos principais postos do sector. A campaña incide na importancia dunha correcta utilización dos EPI como medida clave para minimizar os riscos asociados ás tarefas de aproveitamento forestal. Elaboráronse fichas técnicas específicas para seis perfís profesionais: motoserrista, operario/a de poda e tala en altura, operario/a de rozadoira, peón forestal, maquinista e transportista. Cada ficha recolle de forma visual e accesible os EPI esixidos para cada posto, incluíndo pictogramas explicativos, descricións dos elementos, normativa aplicable e recomendacións sobre avaliación de riscos, procedementos seguros, mantemento dos equipos e ergonomía.