A nova convocatoria de Accións Formativas para Desempregados (AFD) está dotada con 50M€ e foi reformulada por completo no marco da transformación cara a un modelo máis eficaz e aliñado coas necesidades reais do tecido produtivo

Entre as principais novidades, introdúcese a posibilidade de recibir microformacións e, por primeira vez, inclúese a formación dual obrigatoria nas formacións de longa duración, cun mínimo do 25% en contornas de traballo

A colaboración entre as entidades formativas e empresas será fundamental, podendo o tecido produtivo demandar directamente accións formativas a través dos centros para garantir unha resposta áxil ás súas demandas

As oficinas de emprego tamén reforzan o seu papel, identificando necesidades formativas por sectores e territorios e propoñendo itinerarios aos candidatos coa axuda de ferramentas como EMi

As axudas, dirixidas a centros acreditados, poderán pedirse ata o 30 de novembro de 2025 e completaranse en 2026 cunha orde específica que estará aberta desde comezos de ano e durante boa parte do exercicio

A Xunta abre hoxe o prazo de solicitudes da nova orde de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), dotada con 50 M€ e que representa un avance estratéxico clave na consolidación do novo modelo galego de formación para o traballo co obxectivo de consolidar unha oferta pública de formación máis dinámica e aliñada coas necesidades reais do mercado laboral galego.

A nova orde AFD —que prevé beneficiar a preto de 12.000 persoas— incorpora importantes novidades que supoñen un novo paradigma para todos os axentes implicados. Para as persoas desempregadas, a convocatoria representa unha oportunidade de modular a súa capacitación e reducir o tempo de formación. Grazas á flexibilidade na duración das accións e á participación das oficinas de emprego na orientación e selección do alumnado, cada itinerario poderá adaptarse mellor aos perfís e obxectivos profesionais, aumentando o seu impacto. Como novidade clave, cada acción formativa debe responder a unha demanda real, cun compromiso previo acreditado polas entidades formativas dun mínimo do 30% do alumnado. Ademais, poderán impartirse graos B (200-300 h) e C (600-1.000 h), e por primeira vez microformacións de grao A (30-40 h), o que abre un novo escenario máis amplo, dinámico e adaptado aos perfís diversos e ás necesidades reais do mercado. Para as empresas, implica apostar por un modelo onde a formación vai parella á realidade produtiva. Así, cando demanden unha necesidade concreta de capacitación, poderán canalizala a través dos centros acreditados, garantindo unha resposta áxil. Ademais, nos programas de grao C, introdúcese de forma obrigatoria a formación dual, que require que polo menos o 25% das horas se desenvolvan en contornas reais de traballo, reforzando a utilidade práctica da aprendizaxe. As oficinas de emprego tamén reforzan o seu papel estratéxico neste modelo, asumindo funcións clave na identificación de necesidades formativas por sectores e territorios.

Cómpre sinalar que neste ecosistema a colaboración entre empresas, oficinas de emprego e entidades formativas convértese nun piar fundamental. Por exemplo, se unha empresa de distribución necesita incorporar persoal para o seu almacén, con capacidade para xestionar pedidos e traballar en equipo, a través de EMi a oficina de emprego pode identificar perfís con experiencia en tarefas físicas pero sen formación en xestión. Nese caso, pode prescribirse a microformación específica neste eido, permitindo completar o perfil profesional das persoas candidatas e mellorar a súa empregabilidade. Isto facilita a adaptación ao posto e reduce o tempo para cubrir vacantes.

Detalles da convocatoria

O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de novembro de 2025. Conta cun orzamento de 50 M€, procedente de fondos finalistas do Estado, repartido en dúas anualidades: 30 M€ en 2025 e 20 M€ en 2026, para financiar accións que se inicien este ano e poidan prolongarse no seguinte. Co obxectivo de desestacionalizar a oferta e dar carácter anual á convocatoria no futuro, esta orde é de transición e completarase en 2026 cunha específica que estará aberta desde comezos de ano e durante boa parte do exercicio.

Poderán ser beneficiarias as entidades e centros de formación acreditados para impartir as ofertas formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C e contémplanse anticipos de ata o 60 % para garantir a súa solvencia. Os cursos diríxense preferentemente a persoas desempregadas, aínda que se permite a participación de ocupadas ata un 30 % das prazas, sempre que non se cubran con persoas sen traballo.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250709/AnuncioG0767-270625-0002_gl.html
Loading...