A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na presentación do XXV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebrará en Xermade os días 19, 20 e 21 de setembro co apoio do Executivo galego

Na programación deste ano incluiranse demostracións de profesionais de recoñecido prestixio internacional coma o francés Jean François Escoulen, a británica Carlyn Lindsay e os torneiros galegos Aitor Martínez, Adrián Pena e Lolo Castro

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá en Xermade na presentación da 25ª edición do Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebrará nesta vila luguesa os días 19, 20 e 21 de setembro, e que, un ano máis, conta coa colaboración da Xunta.

Durante a súa intervención, Fabeiro destacou o papel fundamental do evento na divulgación e promoción do oficio da tornería en Galicia, así como a súa consolidación como un espazo de aprendizaxe, promoción e confluencia arredor da tornería de madeira, convertido xa nunha referencia europea.

O programa de actividades inclúe demostracións e obradoiros impartidos por profesionais de recoñecido prestixio internacional, unha mostra das pezas dos participantes e da exposición itinerante de madeira torneada Contornos, na que se exhibirán obras seleccionadas durante o encontro do ano pasado.

Nesta edición tan especial —polo seu 25º aniversario— está prevista a participación dun dos torneiros máis relevantes de Europa: o francés Jean François Escoulen, fundador dunha escola de formación especializada en tornería en Aiguines (Francia), considerada un referente no sector. Viaxará tamén a Xermade a británica Carlyn Lindsay, especialmente recoñecida polo seu traballo con madeira laminada.

Representando a tornería galega participarán Aitor Martínez —gañador do Premio Joven Promesa nos Premios Mestre Artesán do Círculo Fortuny en 2024, e finalista no Premio Artesanía de Galicia e no Premio Emprendemento dos Premios Nacionais de Artesanía—, Adrián Pena, do obradoiro Xar Arte, e Lolo Castro, un dos torneiros galegos máis respectados, galardoado co Premio Traxectoria 2018 nos Premios Artesanía de Galicia polo seu labor de divulgación, transmisión do oficio e impulso do relevo xeracional no sector.

Durante tres días, Xermade volverá ser un espazo de intercambio e aprendizaxe dirixido tanto a profesionais como a afeccionados á tornería de madeira, unha plataforma centrada no mantemento, recuperación e evolución deste oficio de longa tradición en Galicia, desde os usos máis funcionais ata as expresións máis artísticas, e que conta coa colaboración da Xunta desde a súa primeira edición.

 

Loading...