O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración e o alcalde do municipio coruñés mantiveron unha reunión na que se puxo en valor o traballo da Unidade de Acción Formativa que o Executivo autonómico ten en Bertamiráns
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde do Concello de Ames, Blas García, para analizar vías de colaboración que permitan potenciar a empregabilidade no municipio coruñés.
Durante o encontro, púxose en valor o traballo da Unidade de Acción Formativa que a Xunta de Galicia ten en Bertamiráns, onde se desenvolven distintas accións formativas destinadas a favorecer a inserción laboral das persoas en situación de desemprego e dar resposta ás esixencias do tecido produtivo. Neste contexto, avaliouse a posibilidade de especializar este centro na formación vinculada ás enerxías renovables e á eficiencia enerxética, co obxectivo de responder á crecente demanda de perfís profesionais cualificados neste ámbito estratéxico. Valorouse tamén a importancia de fomentar a colaboración público-privada para que as empresas dispoñan dun espazo tecnoloxicamente adaptado ás innovacións do sector e que permita reforzar a conexión entre formación e emprego real.
O compromiso do Concello de Ames coa mellora da empregabilidade reflíctese, ademais, na súa participación como beneficiario da orde autonómica dos programas integrados de emprego, en colaboración co Concello de Brión, destinados a ampliar as oportunidades laborais das persoas desempregadas, especialmente daquelas que pertencen a colectivos con maiores dificultades de inserción.