José González subliñou que o cooperativismo é unha peza fundamental no tecido socioeconómico galego, cunha facturación global superior aos 3.500 millóns de euros no 2024 e que representa o 5,1 % do PIB da comunidade
Subliñou que esta fórmula da economía social contribúe a xerar emprego de calidade, fixa poboación no rural, promove a formación e impulsa a innovación nos sectores
O Goberno galego desenvolve a Estratexia galega de economía social con horizonte 2027, coa que aspira a crear 4.000 novos empregos e 400 entidades, promovendo o cooperativismo en sectores estratéxicos como o tecnolóxico, o verde e o industrial
Destacou como un dos obxectivos principais para este ano a aprobación da nova Lei de Cooperativas de Galicia, da que se está a redactar o anteproxecto
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo o labor que realiza a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) na defensa dos intereses do sector e tamén no desenvolvemento do cooperativismo neste eido determinante no mapa do cooperativismo galego ao facturar 2.400 millóns de euros, o que supón máis do 70% da facturación global desta fórmula de negocio.
Así o salientou durante a clausura da XXXVII edición da asemblea xeral ordinaria desta entidade, que coincide coa conmemoración do Ano Internacional das Cooperativas, declarado pola ONU baixo o lema As cooperativas constrúen un mundo mellor e onde tamén estivo a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño. Alí tamén felicitou ao novo Consello Reitor de Agaca que sae elixido desta asemblea xeral e agradeceu ao saínte o seu traballo ao longo dese tempo.
Ademais, puxo de relevo o cooperativismo como fórmula clave para a economía galega. Isto reflíctese en feitos como que no 2024 este modelo empresarial acadou unha facturación global superior aos 3.500 millóns de euros, representando o 5,1 % do PIB da comunidade e xerando emprego para máis de 78.000 persoas, entre socias e traballadoras por conta allea. Ademais, na última década constituíronse arredor de 1.000 novas cooperativas.
Neste sentido, José González expuxo que o cooperativismo, como parte da economía social, contribúe a xerar emprego de calidade, fixa poboación no rural, promove a formación e impulsa a innovación nos sectores produtivos. Isto faino, engadiu, sustentado en valores como a igualdade, a solidariedade e a integración e puxo como exemplo deste bo facer o labor de Agaca.
Compromiso coa economía social
Para potenciar e consolidar a economía social, o Goberno galego desenvolve a Estratexia galega de economía social con horizonte 2027, coa que aspira a crear 4.000 novos empregos e 400 entidades, promovendo o cooperativismo en sectores estratéxicos como o tecnolóxico, o verde e o industrial.
Neste eido, destacou como un dos obxectivos principais para este ano a aprobación da nova Lei de Cooperativas de Galicia, da que se está a redactar o anteproxecto. A finalidade, expuxo José González, é adaptar a lexislación ás novas realidades, favorecer a creación de novas cooperativas e reforzar o tecido existente.
Na Estratexia galega de economía social enmárcanse accións como a Rede Eusumo coa que a Xunta apoia a creación e consolidación de emprego con base na economía social e se poñen a disposición das persoas e entidades interesadas medios para o emprendemento. Ademais, realiza accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego na economía social.
Outra actuación é a colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coa Asociación Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal ) -que participou tamén neste acto e á que pertence Agaca- co fin de seguir avanzando na visibilización e o impulso da economía social. A isto engádense o certame Cooperativismo no ensino e os Premios á cooperación, cos que Galicia difunde os valores do cooperativismo entre o alumnado dos centros educativos e recoñece o labor que realizan as cooperativas.
O conselleiro tamén fixo referencia a distintos tipos de apoios que o Goberno galego pon a disposición para incrementar a competitividade das diferentes entidades da economía social. Isto compleméntase, explicou, co pulo ao emprendemento a través das 15 oficinas da Rede de polos de emprendemento distribuídas polo territorio galego. Nesta liña, subliñou que a economía social é un nicho para o emprendemento. Por iso, a Xunta potencia as sinerxías entre a economía social e a Rede de polos de emprendemento.