-
O DOG publica hoxe a nova convocatoria de Accións Formativas para Desempregados, dotada con 50M€ e reformulada por completo no marco da transformación cara a un modelo máis eficaz e aliñado coas necesidades reais do tecido produtivo
-
Entre as principais novidades, introdúcese a posibilidade de recibir microformacións dentro desta orde e, tamén por primeira vez, a formación dual obrigatoria nas formacións de longa duración, cun mínimo do 25% en contornas reais de traballo
-
A colaboración entre as entidades formativas, os clústeres e as empresas será fundamental, podendo o tecido produtivo demandar directamente accións formativas a través dos centros para garantir unha resposta áxil ás súas necesidades
-
As oficinas de emprego reforzan o seu papel, identificando necesidades formativas por sectores e territorios e derivando candidatos, que deberán comprometerse á asistencia no marco do seu itinerario consensuado de empregabilidade
-
As axudas poderán solicitarse desde o 16 de xullo ata o 30 de novembro de 2025 e completaranse en 2026 cunha orde específica que estará aberta desde comezos de ano e durante boa parte do exercicio
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova orde de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), dotada con 50 M€ e que marcará un punto de inflexión no modelo de formación para o emprego que impulsa Galicia, reforzando a posición da Comunidade á vangarda no ámbito das accións dirixidas especificamente a persoas desempregadas das a través da flexibilización e da colaboración público-privada.
A convocatoria supón un redeseño integral respecto das edicións anteriores co obxectivo de garantir unha formación máis aliñada coas necesidades do tecido produtivo e incorporar a máxima flexibilidade na duración dos cursos para favorecer a rápida adaptación ás demandas do mercado, con novidades clave como a incorporación das microformacións e da formación dual obrigatoria nas formacións de longa duración, cun mínimo do 25% en contornas reais de traballo. Ademais, a nova orde promove a colaboración entre empresas e entidades formativas podendo o tecido produtivo demandar directamente acciones formativas a través dos centros para garantir unha resposta áxil ás súas necesidades á hora de establecer as accións formativas. Por exemplo, se unha empresa necesita soldadores, poderá contactar cun centro e solicitar un curso formativo axustado ás súas necesidades. Deste xeito, a entidade poderá organizar a acción coa garantía de que existe un nicho de empregabilidade, favorecendo unha oferta máis eficaz e orientada á inserción laboral.
As axudas poderán solicitarse do 16 de xullo ao 30 de novembro de 2025. O orzamento, procedente de fondos finalistas do Estado, está repartido en dúas anualidades: 30 M€ en 2025 e 20 M€ en 2026 —para financiar accións que se inicien este ano e poidan prolongarse no seguinte— e completarase o vindeiro ano cunha orde especifica que estará aberta boa parte do exercicio. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades e centros de formación acreditados e contémplanse anticipos de ata o 60 % para garantir a súa solvencia. Os cursos diríxense preferentemente a persoas desempregadas, aínda que se permite a participación de ocupadas ata un 30 % das prazas, sempre que non se cubran con persoas sen traballo. Prevese beneficiar en total a preto de 12.000 persoas.
Principais novidades
A nova orde AFD incorpora importantes novidades que supoñen un novo paradigma para todos os axentes implicados. Para as persoas desempregadas, a convocatoria representa unha oportunidade de acceder a formación máis útil e afastada de calendarios ríxidos. Grazas á flexibilidade na duración das accións e á participación das oficinas de emprego na orientación e selección do alumnado, cada itinerario poderá adaptarse mellor aos perfís profesionais. Como novidade, cada acción formativa debe responder a unha demanda real, cun compromiso previo acreditado polas entidades formativas dun mínimo do 30% do alumnado. Ademais, poderán impartirse graos B (200-300 h) e C (600-1.000 h), e por primeira vez microformacións de grao A (30-40 h), o que abre un novo escenario máis dinámico e adaptado ás necesidades reais do mercado.
Para as empresas, implica apostar por un modelo onde a formación vai parella á realidade produtiva. Así, cando demanden unha necesidade concreta de capacitación, poderán canalizala a través dos centros acreditados, garantindo unha resposta áxil. Ademais, nos programas de grao C, introdúcese de forma obrigatoria a formación dual, que require que polo menos o 25% das horas se desenvolvan en contornas de traballo, reforzando a utilidade práctica da aprendizaxe. As oficinas de emprego tamén reforzan o seu papel neste modelo, asumindo funcións na identificación de necesidades formativas por sectores e territorios, así como na derivación de persoas candidatas —con obriga de asistencia no contexto do seu itinerario consensuado de empregabilidade—.
Ligazón á orde no DOG: