O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Santander na mesa territorial Abordaje sistémico en los territorios, enmarcada no encontro El camino a la Economía de Impacto, organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UiMP) no contexto dos seus cursos de verán. Esta xornada tivo como obxectivo promover un espazo de encontro e colaboración entre axentes dos distintos territorios para favorecer un enfoque sistémico ante as grandes transicións que se presentan, explorando como afrontalas mediante a creación de prosperidade e emprego desde unha perspectiva territorial compartida.

O emprendemento é un motor crucial para a innovación e o desenvolvemento económico, así o destacou Pablo Fernández, que puxo en valor o papel da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego —iniciativa pública posta en marcha en xullo de 2022—, que achega de maneira gratuíta, a través das súas 15 oficinas, un servizo de acompañamento individualizado, tanto para persoas que queren iniciar un proxecto empresarial en Galicia como para aquelas que xa o puxeron en marcha e buscan consolidalo. Esta Rede presta unha atención especial ao medio rural, contribuíndo á dinamización da economía local, á fixación de poboación e á loita contra o reto demográfico tendo en consideración as particularidades de cada contorna, aproveitando plenamente o potencial e as sinerxías propias de cada territorio. Ata a data, esta Rede asesorou preto de 4.400 proxectos, consolidándose como un eixo fundamental para o desenvolvemento local.

Loading...