• Ante o colapso administrativo do Estado neste eido, José González destacou que este traspaso sería fundamental para axilizar os procesos e potenciar a estratexia de captación de talento que está a promover o Goberno galego

  • Subliñou que o programa de atracción de talento pon o foco na diáspora galega con accións como o programa Retorna Cualifica Emprego e as feiras de emprego da Arxentina e o Uruguai, que xa permitiron a contratación de preto de 100 traballadores

  • Esta folla de ruta tamén inclúe medidas para os traballadores procedentes de terceiros países, con accións como os convenios asinados con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai para facilitar migración laboral ordenada

  • Dentro das medidas do Goberno galego para potenciar a forza laboral interna destacou a aposta pola empregabilidade de colectivos prioritarios a prol dun mercado laboral inclusivo, a modernización do SPEG ou a aposta pola formación flexible

  • Tamén se referiu ao absentismo laboral inxustificado, cuestión sobre a que se seguirá afondando proximamente no marco do diálogo social para propoñer medidas entre empresarios e traballadores destinadas a reducir o seu impacto

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo o valor da retención e da atracción de talento para a competitividade do tecido empresarial. Nesta liña, sinalou que para a captación de talento exterior é esencial que Galicia asuma as competencias executivas en materia de autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras, cuestión que acordou solicitar onte o Consello da Xunta tras o informe favorable do Consello Consultivo de Galicia. Este traspaso, subliñou José González, é fundamental para axilizar os procesos e potenciar a estratexia de captación de talento que promove o Goberno galego.

Así o expuxo na inauguración do foro Novas miradas, novas persoas. Innovación na xestión do talento e inclusión, que se celebra hoxe na Coruña e onde explicou que este tipo de ferramentas forman parte dun completo programa de atracción de talento exterior co foco posto na comunidade galega emigrante e que tamén inclúe accións para persoas traballadoras de terceiros países. Deste xeito, explicou, o Executivo autonómico aposta por unha inmigración ordenada e sempre vinculada ao traballo para cubrir postos de difícil cobertura en sectores estratéxicos.

Para a comunidade galega no exterior, conta coa Estratexia Galicia Retorna que inclúe ferramentas como o programa Retorna Cualifica Emprego, para canalizar o regreso de profesionais cualificados cunha oferta real de emprego, contribuíndo á cobertura de vacantes. Ademais, no marco deste programa celebráronse en marzo feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai, nas que participaron entidades como Vegalsa-Eroski -unha das que promove o foro- e grazas ás que se levan preto de 100 persoas contratadas e preto de 700 están en procesos selectivos. A isto súmanse as medidas dirixidas aos traballadores procedentes de terceiros países, con accións como os convenios asinados con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai para facilitar migración laboral ordenada.

Potenciación da forza laboral interna

Estas actuacións complementan ás desenvolvidas para potenciar e reter a forza laboral interna poñendo o foco en colectivos estratéxicos como a mocidade ou as mulleres e tamén promovendo a contratación de persoas con discapacidade ou risco exclusión atendendo, ao mesmo tempo, á realidade do territorio e ás necesidades de cada contorna.

Neste ámbito tamén se encadra a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia con accións como a implantación da ferramenta de intelixencia artificial EMi nas 54 oficinas de emprego de Galicia para casar de xeito óptimo oferta e demanda laboral.

Outro aspecto clave é a formación para o emprego flexible, de curta duración e en liña coas necesidades das empresas. Neste sentido, José González salientou o futuro decreto de microcredenciais para o traballo e o redeseño e futura publicación da nova convocatoria de apoios a accións formativas para persoas desempregadas.

Absentismo laboral inxustificado

Outro dos desafíos do mercado laboral ao que se referiu o conselleiro foi o absentismo laboral inxustificado, problemática que se está a abordar ao abeiro do diálogo social co obxectivo de propoñer medidas entre empresarios e traballadores para reducir o seu impacto. Con ese fin púxose en marcha unha mesa espefícica no marco do diálogo social na que se presentou aos axentes sociais un informe das universidades de Santiago e Vigo cuns primeiros resultados nos que se afondará proximamente. Entre eles, que o absentismo supón en Galicia un custo de 850 M€ para a Seguridade Social e 782 M€ para as empresas.

 

 

Loading...