A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta mañá en Vigo na clausura da xornada Solucións globais ante a escaseza de talento cualificado en Galicia, onde representantes institucionais e do ámbito empresarial debateron sobre o impacto dos factores demográficos, a migración e a necesidade de atraer e fidelizar talento. A directora salientou a importancia de activar mecanismos que respondan de forma áxil á evolución do tecido produtivo galego, incidindo na modernización do sistema público de emprego e na promoción de itinerarios formativos adaptados ás necesidades reais das empresas.

Durante a súa intervención, Lado puxo o foco nas políticas impulsadas pola Xunta para reforzar a conexión co talento galego no exterior, destacando o programa Retorna Cualifica Emprego, como unha das accións clave para facilitar o regreso de galegos e galegas emigradas, ofrecendo oportunidades laborais desde a orixe e apoio para o seu asentamento. Este programa, que prevé beneficiar a 200 persoas menores de 55 anos ata finais de 2025, inclúe novas medidas para facilitar o acceso á vivenda e acompañar o proceso de inserción laboral e social dos retornados.

Loading...