-
Asegura que o obxectivo é “axilizar” a incorporación “ordenada e planificada” de persoas doutros países ao mercado laboral galego
-
Lembra que son competencias que xa exercen comunidades como Cataluña ou o País Vasco
-
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración aposta por un modelo para atraer talento exterior baseado “na planificación, a axilidade administrativa, o acollemento e a integración”
-
O Consultivo conclúe que estas funcións forman parte da execución da lexislación laboral, recoñecida no Estatuto de autonomía e que, por tanto, lle corresponde a Galicia o seu pleno exercicio
-
O traspaso permitiría facer fronte ao colapso administrativo do Estado neste eido e reducir prazos á hora de expedir os permisos
-
Trátase dun paso clave para potenciar iniciativas pioneiras como o manifesto de vontades asinado con catro países hispanoamericanos co fin de establecer mecanismos que faciliten a migración laboral ordenada e en liña coas empresas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou “reclamar ao Goberno central o traspaso a Galicia das competencias para poder xestionar as autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras” tras recibir “o aval do Consello Consultivo”.
Rueda salientou que con esta medida o Goberno autonómico busca axilizar “a incorporación ordenada e planificada de persoas de fóra das nosas fronteiras ao mercado laboral galego” e ampliar as súas competencias neste eido “como xa fixeron Cataluña e País Vasco”.
En concreto, tal e como explicou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, trátase de reclamar a xestión da tramitación e resolución “das autorizacións iniciais de traballo por conta allea e propia, dos permisos para actividades laborais de tempada e das autorizacións vinculadas a estadías de longa duración por razóns de estudo, mobilidade de alumnado, voluntariado ou formación”.
O conselleiro explicou que o Consello Consultivo determina que existen argumentos xurídicos sólidos para entender que estas funcións forman parte da execución da propia lexislación en materia laboral, “unha competencia xa recoñecida a Galicia ao abeiro do seu Estatuto de autonomía” e que, polo tanto, lle corresponde á Comunidade Autónoma o seu pleno exercicio. Esta interpretación queda avalada, ademais, pola doutrina reiterada a este respecto do Tribunal Constitucional en diferentes sentenzas. En consecuencia, o informe considera que Galicia está en condicións de solicitar o traspaso efectivo destas competencias e dos medios persoais e materiais necesarios para levalas a cabo. Unha vez formalizado, a Comunidade podería ditar normas propias para o seu exercicio, dentro dos límites da lexislación estatal vixente.
Aposta por unha inmigración ordenada e da man das empresas
Co inicio desta reclamación formal —unha petición aprobada tamén por unanimidade polo Parlamento de Galicia o pasado 25 de xuño— a Xunta dá un novo impulso ao seu compromiso estratéxico de favorecer unha incorporación ordenada e planificada de traballadores estranxeiros ao mercado laboral autonómico. O obxectivo é axilizar e facer máis eficiente a tramitación das autorizacións iniciais de traballo, clave para cubrir vacantes en sectores estratéxicos, responder ao reto demográfico e atender de xeito áxil as demandas crecentes das empresas. “Teñen a necesidade de cubrir vacantes en eidos coma a agricultura, a construción ou o turismo”, indicou Rueda.
“Queremos un modelo de atracción de traballadores do exterior baseado na planificación e no diálogo, na axilidade administrativa e a seguridade xurídica e no acollemento e integración”, engadiu o conselleiro.
A xestión directa destas competencias permitirá facer fronte ao colapso administrativo do Goberno central neste eido —agravado tras a entrada en vigor do novo Regulamento de estranxeiría o pasado 20 de maio e con importantes carencias tanto materiais como de persoal—, reducindo prazos para axustalos á realidade do mercado de traballo e facilitando a incorporación de profesionais estranxeiros coas máximas garantías, tanto para os traballadores como para o tecido produtivo galego.
Esta medida complétase co esforzo que xa está a facer Galicia por reforzar o mercado interno, con iniciativas dirixidas ao impulso da formación flexible en liña coas necesidades das empresas. No marco da Estratexia Galicia retorna, destacan ferramentas como o programa Retorna cualifica emprego —con fitos como as feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai— que ata o momento permitiu a contratación de preto de 100 persoas, das cales arredor de 60 xa retornaron a Galicia, e ten máis de 700 en proceso de selección. Seguindo esta mesma filosofía, o Goberno galego prevé a colaboración con terceiros países promovendo accións en orixe. Neste senso, salienta o manifesto de vontades asinado con catro países hispanoamericanos —Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai— co fin de establecer vías para unha migración laboral ordenada e segura e que se vería reforzado coa asunción destas competencias.
Axilidade na homologación de títulos
En paralelo, a Xunta insta tamén o Goberno a promover medidas que favorezan a axilidade na homologación dos títulos universitarios das persoas estranxeiras —competencia exclusiva estatal— que desexen incorporarse ao mercado laboral galego ou continuar coa súa formación con posto de traballo. O obxectivo é reducir as trabas burocráticas e que poidan acceder a traballos acordes coa súa cualificación ou a programas como as bolsas BEME para estudos de posgrao, enmarcadas na Estratexia Galicia retorna.