O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou recentemente as instalacións deste grupo, onde destacou a aposta de Galicia por unha formación á carta das empresas e o programa Retorna Cualifica Emprego para contribuír á cobertura de vacantes

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou recentemente en Betanzos as instalacións do grupo de distribución alimentaria Gadisa, onde mantivo un encontro co seu presidente e conselleiro delegado, Roberto Tojeiro. Alí ambas partes analizaron distintas medidas da Administración galega para captar e reter talento e atender ao reto da cobertura de man de obra neste sector.

Entre elas, na reunión púxose de relevo a importancia dunha formación flexible -en liña do que promove a Unión Europea- e adaptada ás necesidades do sector da distribución alimentaria para atraer e reter os perfís cualificados que demanda o tecido empresarial deste ámbito. Con esta premisa, o Goberno galego traballa nun pioneiro decreto de microcredenciais para o traballo co fin de blindar un modelo formativo áxil e axeitado ás necesidades das empresas.

Outras iniciativas neste campo co fin de mellorar as competencias e habilidades das persoas traballadoras, tanto ocupadas como desempregadas, son os apoios autonómicos ás unidades formativas en empresas, dotados de 8 millóns de euros este ano ou o Bono Talento Empresa, do que á convocatoria de 2025 se destinan 2 millóns de euros e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta liña de axudas busca facilitar accións formativas non regradas, breves e deseñadas á medida das necesidades de cada empresa, orientadas a mellorar os coñecementos e competencias dos seus cadros de persoal.

A isto súmanse outras medidas para potenciar a forza laboral interna como a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia con accións como a da ferramenta EMi, recoñecida pola Comisión Europea, implantada nas 54 oficinas de emprego de Galicia e que emprega intelixencia artificial para casar oferta e demanda laboral.

Retorna Cualifica Emprego

En relación coa captación de talento de exterior, neste eido a Xunta pon o foco nos emigrantes galegos e destacaron o programa Retorna Cualifica Emprego, enmarcado na Estratexia Galicia Retorna e destinado a canalizar o regreso de profesionais cualificados cunha oferta real de emprego, contribuíndo á cobertura de vacantes e con novidades como axudas ao aluguer. Como complemento a este programa, sumarase a orde para promover a rehabilitación de vivendas á súa disposición. Ao abeiro desta iniciativa celebráronse en marzo feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai, nas que participaron entidades como Gadisa, e que tiveron moi boa acollida ao contar con máis de 3.500 asistentes.

Loading...