O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá como xurado e posteriormente na cerimonia de entrega dos premios Nortempo-Aedipe Galicia. Estes galardóns son a continuidade dos Nortempo-Aedipe Cantabria —con máis de 30 anos de traxectoria— e xurdiron co propósito de recoñecer a profesionais no eido da xestión do persoal e dos recursos humanos.

Pablo Fernández felicitou aos premiados nas tres categorías —Traxectoria profesional, Innovación en RR.HH e Compromiso Social— e agradeceulles o seu labor na xestión do desenvolvemento humano e profesional. O secretario xeral remarcou a importancia de primar a escoita activa e o Diálogo Social á hora de seguir avanzando no eido das relacións laborais, poñendo de relevo que é vital o consenso entre empresas e persoas traballadoras antes de materializar calquera reforma. Nesta mesma liña, Fernández resaltou o labor do Consello Galego de Relacións Laborais, que desenvolve un rol fundamental para a promoción da negociación colectiva en todos os ámbitos e sectores e na solución de conflitos.

Loading...