A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou hoxe a xornada de difusión Think Tank de transformación da economía social das persoas máis vulnerables, organizada no marco do proxecto colaborativo Red TooL Lab. Esta iniciativa, liderada pola Asociación San Xerome Emiliani da Guarda (Pontevedra), conta coa participación da Asociación Empresarial Galega de Discapacidade IN-RED, así como de diversas organizacións de Galicia, Canarias, Illas Baleares e País Vasco especializadas na atención á discapacidade intelectual e na promoción da economía social.
Durante a súa intervención, Marta Mariño puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia coa economía social como motor de inclusión, innovación e cohesión territorial. Destacou especialmente a Estratexia Galega de Economía Social, que reúne múltiples medidas de apoio ao sector, entre elas as liñas de axuda dirixidas aos centros especiais de emprego. Neste sentido, sinalou que o Goberno galego destina este ano máis de 27 millóns de euros a apoiar estes centros, nunha orde unificada que inclúe tamén ás empresas de inserción. Estas axudas beneficiarán a máis de 7.000 persoas traballadoras con discapacidade e permitirán crear 300 novos postos de traballo de carácter indefinido, consolidando así un modelo baseado na responsabilidade social, a inclusión e a igualdade de oportunidades.