O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na primeira etapa desta iniciativa que promove o intercambio de experiencias e a xeración de contactos profesionais a través do Camiño de Santiago
Destacou a aposta estratéxica do Executivo galego a prol dos emprendedores, coa Rede de polos como máximo expoñente, que conta en Lugo con cinco oficinas que levan asesorado preto de 1.000 proxectos
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na primeira etapa da iniciativa Galicia Camiño Emprendedor, un proxecto da Xunta que serve de mentoría para persoas emprendedoras mentres comparten unha etapa do Camiño de Santiago. O obxectivo principal é a mellora dos proxectos participantes e a xeración de contactos profesionais, empregando a metodoloxía Facendo Camiño.
Pablo Fernández agradeceu a presenza de todos os participantes nesta etapa do camiño, que percorreu os municipios lucenses de O Cebreiro, Triacastela e rematou en Sarria, onde os asistentes gozaron dun almorzo de confraternización. Sinalou que cada etapa deste camiño trata de responder a tres obxectivos específicos: unha primeira centrada na sostibilidade, na que cada emprendedor deberá expoñer un exemplo sobre como aplica algún dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) na súa actividade profesional; unha segunda centrada na capacidade de relacionarse, practicando as competencias emprendedoras e creando unha rede de contactos, e unha terceira orientada á mellora da xestión do tempo, tomando como referencia o que tiveron que planificar para poder participar neste proxecto.
O secretario xeral fixo fincapé na aposta estratéxica por parte do Executivo galego a prol dos emprendedores da Comunidade, e salientou o labor da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego —iniciativa pública nada en xullo de 2022— que presta, de forma gratuíta e a través das súas 15 oficinas, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender como a quen xa o fixo e quere consolidarse, cunha cifra na actualidade de máis de 4.100 proxectos asesorados. Concretamente, nos cinco Polos activos na provincia de Lugo —A Fonsagrada, Friol, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Sarria— lévanse atendido preto de 1.000, predominando a hostalaría, o comercio e os servizos, e realizado un total de 3.000 titorías.