O delegado territorial destacou os investimentos do Goberno galego a través de Xesgalicia ou o Igape e o labor de asesoramento dos Polos de Emprendemento
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe “o firme compromiso da Xunta co emprendemento e coa actividade empresarial, especialmente cos autónomos, pequenas empresas e negocios do rural”. Arias realizou estas declaracións durante a entrega do IX Premio Peme do Ano 2025 en Lugo, convocado polo Banco Santander e a Cámara de Comercio de Lugo e que recaeu en Industrial Recense.
O certame tamén outorgou accésits en diferentes categorías. O de Dixitalización e Innovación foi para Medrar Smart Solutions, o de Formación e Empleo para “Pesquerías del buen viaje”, o de Internacionalización para Transmedia Comunicacións e Prensa, o de Peme Sostible para Lácteos Lorán.
Durante a súa intervención, o delegado subliñou “o esforzo por facilitar o acceso ás axudas económicas e ao asesoramento preciso para crear ou expandir unha empresa, a través de iniciativas como os Polos de Emprendemento, que non só informan senón que acompañan e guían o proceso”. Ao respecto, apuntou que os cinco polos da provincia de Lugo levan atendido máis de 2.600 proxectos e realizaron xa máis de 7.000 titorías. Tamén se ofrece información de interese na web oficinadoautonomo.gal.
Javier Arias referiuse aos apoios que concede o Goberno galego a través do Igape, que este ano activou por primeira vez un paquete unificado de 15 liñas de axudas industriais e tecnolóxicas, cun orzamento de 173 millóns de euros, destinadas á dixitalización, innovación, investimento, atracción empresarial, intelixencia artificial, deseño industrial e transición á automoción eléctrica.
No mesmo sentido, resaltou o papel da sociedade mercantil pública da Xunta Xesgalicia, que dispón no presente exercicio de 140 millóns de euros para investimentos; afirmou que no listado de empresas participadas “figuran algunhas das firmas con maior proxección da provincia de Lugo nos últimos anos”.