O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde en Pontevedra na apertura do taller formativo A prevención e recoñecemento da violencia de xénero na contorna do traballo

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde en Pontevedra na apertura do taller formativo A prevención e recoñecemento da violencia de xénero na contorna do traballo, impartido pola Xunta e incluído nas accións formativas promovidas polo campus en liña de Igualdade Laboral. Nesta formación —levada a cabo de xeito presencial e online— preténdese concienciar e sensibilizar sobre o impacto que as situacións de violencia de xénero teñen no ámbito laboral, proporcionando ferramentas e coñecementos prácticos para poder identificar, intervenir e actuar adecuadamente en contextos onde conviven agresores e vítimas, fomentando contornas de traballo seguras, respetuosas e inclusivas.

Pablo Fernández puxo en relevo a importancia da formación e a sensibilización para promover unha igualdade laboral real entre mulleres e homes. Neste senso destacou o labor levado a cabo polo campus en liña de igualdade Laboral — que conta cunhas 8.000 persoas adheridas e no que se levan impartido 95 accións formativas -entre o 2021 -ano do seu nacemento- e 2024— e que continúa o seu traballo, tendo previsto que o ano remate con preto de 140 formacións.

Esta plataforma de formación online forma parte dunha ampla batería de medidas entre as que salientan outras como a primeira estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados para promover o liderado das mulleres na que está a traballar o Goberno galego. Neste mesmo eido destacan os 1,7 M€ para promover a presenza feminina en sectores masculinizados dentro do programa Galicia Emprega 2025 (case 20 M€), incluíndo outra partida específica para a contratación de mulleres (7M€).

Loading...