En próximas semanas reabrirán as oficinas camerais no edificio que ocupaba antigamente a Cámara de Comercio de Ferrol e recuperaranse todos os servizos, entre eles, asesoramento empresarial, formación e apoio ao emprendemento
José González explicou que en próximos días se irán coñecendo máis detalles deste proceso que será abordado no Consello da Xunta
Salientou o papel das cámaras de comercio e a súa participación na elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 ao abeiro do que se reforzará a colaboración na en materia de formación e asesoramento ao comercio local
Ao labor cameral de apoio ao emprendemento, súmase o do polo de Ferrol, que asesora de balde ás persoas emprendedoras da súa área de influencia, leva atendidos máis de 720 proxectos e contribuíu á creación de preto dun cento de novas empresas
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe como exemplo de colaboración público-privada a recuperación dos servizos camerais da área de Ferrol a prol da competitividade do tecido empresarial da comunidade e, en concreto, desta área e da provincia da Coruña. Trátase dun feito, subliñou, que é froito do acordo entre a Xunta, o Concello de Ferrol, empresarios e as cámaras de comercio galegas tras numerosos contactos neste sentido.
Así o sinalou José González no acto no que se anunciou a unión da Cámara de Comercio da Coruña ao territorio de Ferrol, no que tamén participaron o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey e o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro. A el tamén asistiron, entre outros, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.
Grazas a esta unión, en próximas semanas reabrirán as oficinas camerais no edificio que ocupaba antigamente a Cámara de Comercio de Ferrol e recuperaranse todos os servizos que ofrece unha cámara. Entre eles, asesoramento empresarial, formación, apoio á internacionalización e acompañamento en proxectos de dixitalización, emprendemento e emprego. Neste sentido, este espazo funcionará como punto de atención ao empresariado desta zona con servizos adaptados ás súas necesidades, aspecto no que se está a traballar para poñer en marcha accións específicas. De feito, explicou José González, en próximos días iranse coñecendo máis detalles desta unión da Cámara de Comercio coruñesa a Ferrol e da reactivación dos servizos camerais desta zona, asunto que será abordado proximamente polo Consello da Xunta.
Papel das cámaras de comercio
En canto ao papel das cámaras de comercio, o conselleiro salientou a súa importancia para o tecido empresarial e comercial e dentro da aposta autonómica para facelo medrar de xeito dinámico e inclusivo, de maneira que xere emprego de calidade e maximice o talento. De aí, sinalou José González, que estas entidades fosen parte activa na elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Ao abeiro desta folla de ruta a prol da dinamización do comercio de proximidade, engadiu, o Goberno galego reforzará a colaboración coas cámaras de comercio -como representantes dos intereses xerais deste sector- na execución das actividades de formación e asesoramento ao comercio local.
Ademais, José González puxo en valor a contribución do tecido empresarial ao crecemento de Galicia e, no caso da área de Ferrol, destacou a gran vocación de sectores como o naval ou o da distribución de alimentos, entre outros, así como o potencial socioeconómico do porto e do campus universitario. Nesta liña, agradeceu ás partes implicadas na recuperación dos servizos camerais desta zona a súa implicación, en especial, á Cámara de Comercio da Coruña.
Polo de emprendemento
Dentro dos labores de apoio e asesoramento da cámara, José González fixo fincapé no do emprendemento, ámbito no que ademais Ferrol conta cun dos 15 polos da Xunta distribuídos por toda Galicia, que presta asesoramento gratuíto e personalizado ás persoas emprendedoras da súa área de influencia. Desde a súa inauguración, en decembro de 2022, atendeu máis de 720 proxectos e contribuíu á creación de preto dun cento de novas empresas, posicionándose como un motor clave na potenciación económica da súa zona de influencia e na posta en marcha, consolidación ou remuda de iniciativas ligadas ao territorio, viables e sostibles.