O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou o Hub de Innovación e Talento de Telefónica, onde defendeu a necesidade de promover unha formación para o emprego flexible e curta duración nun contexto de constante transformación tecnolóxica
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou hoxe en Madrid Distrito Telefónica, o Hub de Innovación e Talento de Telefónica, onde puxo en valor a formación dixital como ferramenta esencial para superar os retos empresariais actuais e atender as necesidades do mercado laboral.
Durante a visita —na que tamén participou o director de Territorio Norte de Telefónica, Manuel Ángel Alonso— valorou o compromiso de Telefónica coa capacitación e o desenvolvemento profesional como motores de transformación. Nese sentido, puxo en relevo tamén o papel clave da modernización tecnolóxica na mellora dos servizos públicos para a cidadanía no eido do emprego.
Neste contexto, González salientou a aposta da Xunta pola transformación do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), que sitúa a comunidade á vangarda da dixitalización orientada á empregabilidade. Un dos piares deste proceso é EMi, ferramenta recoñecida pola Comisión Europea e implantada nas 54 oficinas de emprego de Galicia, que emprega intelixencia artificial para casar oferta e demanda e xa permitiu realizar o perfilado competencial de máis de 62.000 persoas desde setembro de 2024.
O conselleiro agradeceu tamén a colaboración de Telefónica co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, consolidado xa como un referente formativo no sector TIC galego.
Pulo á formación para o emprego áxil e flexible
José González subliñou a importancia de promover unha formación que dea resposta ás necesidades reais do tecido produtivo, contribuíndo a mellorar as competencias e habilidades das persoas traballadoras, tanto ocupadas como desempregadas, especialmente en eidos clave como o dixital.
A este respecto incidiu en que, nun escenario marcado pola rápida evolución tecnolóxica e polo cambio constante, a adaptación continua e áxil resulta esencial. Por iso, salientou a aposta de Galicia por unha formación flexible, de curta duración e á carta do tecido produtivo. Exemplos desta aposta son medidas pioneiras como o futuro decreto sobre microcredenciais para o traballo ou iniciativas como a nova convocatoria de Bonos Talento Empresa, dotada con 2 millóns de euros e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta liña de axudas busca facilitar accións formativas non regradas, breves e deseñadas á medida das necesidades de cada empresa, orientadas a mellorar os coñecementos e competencias dos seus cadros de persoal, con especial foco, entre outras ámbitos prioritarios, no das TIC.