O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na Cidade das TICS da Coruña na presentación das conclusións deste programa co foco posto no sector do aluminio

Fernández resaltou que este tipo de iniciativas continúan a folla de ruta marcada polo Executivo galego, en prol do Diálogo Social e a súa futura institucionalización

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na Coruña na presentación das conclusións do programa empreGAL, unha aposta de colaboración entre Xunta, asociacións empresariais e sindicais. Desde o ano 2023, o proxecto tivo como obxectivo crear recursos para fomentar a inserción laboral —co foco no sector do aluminio—das persoas desempregadas, tendo en conta os seus perfís e co fin último de lograr o reingreso no mercado de traballo do maior número de persoas.

Na clausura da xornada de presentación dos resultados desta iniciativa, celebrada na cidade das TIC (A Coruña) o secretario xeral resaltou os bos resultados obtidos deste proxecto acadando unha mellora da empregabilidade do 80% dos participantes. Pola súa banda, o programa incluíu sesións de orientación laboral cos usuarios, o que implicou que máis da metade das persoas implicadas nos itinerarios completos puideran acadar o obxectivo final da reinserción laboral.

Neste encontro, tamén participaron usuarios do proxecto que relataron a súas propias experiencias e contouse coa presenza de representantes da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (Uafse) que expuxeron as novidades relativas ao Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG), cos que se cofinanciou o proxecto.

Pulo ao Diálogo Social

Fernández resaltou que este tipo de colaboracións concordan coa prioridade estratéxica do Executivo galego a prol do Diálogo Social, que traballa no futuro decreto para establecer a súa composición e funcionamento, reforzándoo como imprescindible para o progreso económico da comunidade. O obxectivo é que sexa un fiel reflexo da realidade laboral tendo en conta as necesidades dos traballadores de todos os sectores.

Loading...