José González destacou o apoio da Xunta ás unidades formativas en empresas con compromiso de contratación de persoas desempregadas -8M€- ao que se suman outras medidas como a nova edición do Bono Talento Empresa -2M€-

Neste ámbito, o Executivo autonómico traballa nun futuro decreto de microcredenciais e colabora con entidades como Asime para cualificar persoas en ámbitos estratéxicos para este e outros sectores chave de Galicia

Asime foi unha das entidades participantes nas feiras de emprego da Arxentina e Uruguai enmarcadas no progama Retorna Cualifica Emprego e grazas ás que se levan contratado preto de 100 persoas e preto de 680 están en procesos selectivos

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe a aposta pioneira da Xunta a prol da formación flexible e á carta das empresas e da captación de talento altamente cualificado e especializado co fin de favorecer o crecemento de sectores como o metalmecánico. Así o sinalou na inauguración da IV edición da feira Mindtech 2025, organizada pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) desde hoxe ata este xoves no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) e onde tamén estivo a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

Neste sentido, José González salientou o apoio da Xunta ás unidades formativas en empresas con compromiso de contratación de persoas desempregadas, unhas achegas ás que na convocatoria deste ano – aberta ata o 30 de setembro- destina 8 M€. Outra iniciativa neste ámbito é a nova edición do Bono Talento Empresa, dotada con 2 M€ e que se publicará en próximos días no Diario Oficial de Galicia. Entre as medidas da Xunta para unha formación máis flexible, na liña do que promove a Unión Europea, tamén destaca o futuro decreto de microcredenciais para o traballo que terá como fin blindar un modelo formativo áxil e axeitado ás necesidades das empresas.

Dentro desta aposta tamén se enmarca a colaboración da Xunta cos clústeres e entidades de sectores estratéxicos para cualificar a persoas, tanto ocupadas como desempregadas, en ámbitos de interese destas actividades. Na última edición -dotada con 7,5M€ – estas accións formativas permitiron cualificar 17.000 persoas. Entre elas está Asime, que contou cun orzamento de preto de 436.00 euros para cualificar máis de 1.100 alumnos naqueles ámbitos máis estratéxicos para o sector. Todo isto, subliñou, co dobre obxectivo de dar resposta ás necesidades do tecido empresarial de incorporar novos profesionais e de dotar ás persoas que xa están traballando dos recursos formativos necesarios tendo en conta as capacidades máis demandadas por sectores como o metalmecánico.

Atracción de talento exterior

A esta aposta por impulsar a forza laboral interna, súmanse as actuacións destinadas a atraer talento exterior co foco posto nos galegos emigrantes a través da Estratexia Galicia Retorna que conta con ferramentas como o programa Retorna Cualifica Emprego, para canalizar o regreso de profesionais cualificados cunha oferta real de emprego, contribuíndo á cobertura de vacantes. Ademais, no marco deste programa celebráronse en marzo feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai, nas que participaron entidades como Asime, e grazas ás que se levan preto de 100 persoas contratadas e preto 680 están en procesos selectivos. A isto súmanse as medidas dirixidas aos traballadores procedentes de terceiros países, con accións como os convenios asinados con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai para facilitar migración laboral ordenada.

Colaboración público-privada e Diálogo Social

Para afrontar retos como o da atracción de talento, José González destacou a importancia da colaboración público-privada e do Diálogo Social, ferramenta que a Xunta busca institucionalizar cun futuro decreto que estableza a súa composición e funcionamento. Ademais salientou como imprescindible o labor das asociacións empresariais como Asime para desenvolver economicamente o territorio da comunidade galega. Entre os exemplos desa colaboración público-privada está a Feira Mindtech -que reúne tendencias de interese para o sector metalmecánico en ámbitos como a maquinaria, a dixitalización ou as enerxías renovables, entre outros-.

Ademais, José González apelou á colaboración institucional como instrumento fundamental e puxo como exemplo a que se pode ter en Vigo entre Xunta, Zona Franca e Concello para potenciar o Ifevi como un referente do noroeste peninsular.

 

Loading...